DeportesEn portadaÚltima hora

O Periódico O SIL, entre os galardoados na “Gala dos 100 anos da Federación Galega de Atletismo”, en Lalín

Esta entidade celebraba o seu século de historia este venres rendendo homenaxe a atletas, adestradores, clubs, administracións e medios de comunicación

 

Un 27 de marzo de 1921 nacía o atletismo galego. Tras un século de historia, constitúe un referente de vida, de deporte, de educación e de ideosincrasia, tamén de esforzo, traballo e éxitos dos galegos. Así se demostraba na “Gala dos 100 anos (1921-2021) que a Federación Galega de Atletismo (FGA) celebraba no Auditorio de Lalín na tarde deste 17 de decembro homenaxeando a atletas, adestradores, clubs, xuíces, administracións e medios de comunicación, entre eles ao Periódico O SIL.

“A gala do centenario é un momento histórico importante” dicía o presidente da FGA, Isidoro Hornillos xusto ao inicio do acto, que confesaba “sensacións agridoces. Vivimos momentos importantes neste deporte, pero tamén sinto nostalxia das persoas que nos deixaron, que son moitas, para todas elas o noso recordo máis agarimoso”. Ademais resaltaba que o principal patrimonio “deste deporte é o factor humano e sobre iso temos que cimentar o futuro: nos atletas, nos adestradores, nos clubs e na capacidade do colectivo de xuíces. Eles son os responsables deste avance histórico deo atletismo galego”.

Facía especial referencia ás conquistas logradas polas mulleres, cunha lembranza especial para María Isabel González, unha das distinguidas, a primeira muller galega en ser xuíza e que agora ten 91 anos. “Ela é a historia personificada nesta gala”, aseguraba Hornillos. Tamén repasaba os nomes dos atletas galegos olímpicos, dentro dos que figura o propio presidente da federación e o ourensán José Ramón Rey “Jota”, ata chegar aos referentes actuais, entre eles Ana Peleteiro (ausente na gala) Belén Toimil e Adrián Ben, todos eles eran tamén distinguidos.

Así mesmo había unha distinción para os clubs galegos con máis de 30 anos de traxectoria, entre os que estaban o Club Adas do Barco (representado por Alberto Asensio) e o Ben-cho-Shey (representado por Germán González).

 

 

Tamén lle rendía homenaxe ao presidente da Academia Olímpica Española, o galego Conrado Durántez, á Real Federación Española de Atletismo, ás administracións provinciais (entre elas a Deputación de Ourense), á Xunta de Galicia e ao Concello de Lalín. E, tamén se premiaba a media ducia de medios de comunicación galegos polo seu labor de información e divulgación, entre eles estaba o Periódico O SIL, representado polo seu director, Carlos G. Hervella.

A esta gala asistían diferentes autoridades, entre elas o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, quen aseguraba que “a evolución do atletismo galego nestes 100 anos ten sido extraordinaria”; e o conselleiro de Cultura, o lalinse Román Rodríguez, que aludía á “interacción constante do mundo da cultura co deporte porque compartimos os mesmos valores, valores básicos para que unha sociedade avance e que hoxe son máis importantes que nunca”.

Con esta gala culminaba un ano moi especial para o atletismo galego.

Imaxes cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button