CulturaCulturaÚltima hora

O Periódico O SIL, nunha xornada sobre a prensa en galego e en papel, na Coruña

Nesta actividade, promovida pola A.C. Alexandre Bóveda e por Valdeorras Infinda, tamén participaba Nós Diario

 

A prensa en papel escrita en galego protagonizaba a mesa redonda celebrada na tarde do 9 de outubro na sede da Agrupación Alexandre Bóveda da Coruña e organizada a través do colectivo Valdeorras Infinda. O seu título era “A prensa en galego e en papel. A experiencia de compromiso de O SIL e Nós Diario”. Nela amosábanse as experiencias do Periódico O SIL, que ten como ámbito de influencia a provincia de Ourense e o sur da de Lugo, e de Nós Diario.

O Sil, nacía no ano 1996, mantendo unha periodicidade mensual en papel e como unha cabeceira escrita integramente en galego. “Apostamos polo galego como vehículo de expresión como un xeito de defender a nosa identidade. Este periódico foi ademais un dos membros da Asociación de Medios Escritos en Galego (AME), nacida no 2004, e agora está na Asociación de Medios en Galego (AMEGA)”, comentaba o director do Periódico O SIL, Carlos G. Hervella, que abría a quenda de intervencións.

 

 

Tamén comentaba como ten sido a evolución deste proxecto xornalístico nos seus case 30 anos de traxectoria, e que actualmente conta con dúas redaccións: unha no Barco e outra na cidade de Ourense. Catro son as publicacións do mesmo: o Periódico O SIL, O SIL Deportivo e Entroido en Galicia, en formato papel, e o periódico dixital www.osil.info. “Só o xornalismo de calidade sobrevivirá neste mundo cada vez máis complexo. Tócanos vivir un tempo de pantallas no que as noticias son instantáneas e as informacións morren case ao mesmo tempo que nacen. Pero os periódico de calidade en papel resiste, entre outras cousas, porque coa súa sólida arquitectura permítennos situarnos acertadamente nas informacións dixitais”.

 

 

Deseguido, tomaba a palabra Xoán Costa, presidente do consello de administración de Nós Diario, periódico que saía á rúa por vez primeira en xaneiro de 2020. “Era necesario devolver o galego aos quioscos, vimos a necesidade de contar cun diario en papel, reivindicar a capacidade de contar o mundo dende aquí, dende o máis próximo e cercano”, dicía para logo expoñer a evolución deste proxecto, que combina tamén a parte escrita co dixital.

 

 

A partir de aí iniciábase un debate, moderado por Cristina de la Torre que tamén presentaba o acto, no que se abordaban cuestións como os custes que implica unha edición en papel, a importancia das subscricións na supervivencia deste tipo de proxectos ou o tratamento da información.

Fotos: O SIL e cedidas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button