Na fin de semana do 12 e 13 de abril celebrábase na localidade ourensá da Peroxa a terceira proba do Campionato de España de Hard Enduro 2025, organizada polo Moto Club A Peroxa.
O evento “destacou polo seu esixente percorrido a través dos bosques galegos, que, combinado coas condicións meteorolóxicas adversas sobre todo do sábado, puxo a proba a destreza e resistencia dos pilotos”, indican dende a Real Federación Motociclista Española (RFME), agradecendo á Deputación de Ourense e o Concello da Peroxa a implicación con esta proba para que todo saíse perfecto.
E entre os participantes, estaba novamente o piloto barquense Diego Teixeira que lograba un meritorio sétimo posto na categoría elite sénior tras un formato novo de carreira máis intenso con tres eventos o sábado (volta rápida para configurar a grella de saída, carreira e face to face); e carreira principal o domingo.
A seguinte probra será en La Pesquera, Cuenca, xa na fin de semana do 18 e 19 de outubro.
Fotos: Docasar Fotografía.