O Parque Natural do Invernadeiro (Vilariño de Conso), ao igual que o Parque da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá), terá en vigor este outono o seu primeiro plan de xestión de usos e xestión (PRUX). Isto será posible tras a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia do Decreto polo que se aproba este instrumento de uso e xestión que entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no DOG.
O Invernadeiro é un parque de montaña despoboado, cunha superficie de 5.722 ha, e localizado ao sur do Macizo central, entre os leitos dos ríos Ribeira Pequena e Ribeira Grande, situado na súa totalidade no concello de Vilariño de Conso.
Este PRUX, que terá unha vixencia de seis anos, é un instrumento específico para xestionar, protexer e conservar os valores deste espazo natural garantindo o uso e a xestión axeitada dos seus recursos.
Unha das novidades é que contará cun plan de emerxencia e de autoprotección que mellorará a capacidade de resposta ante posibles emerxencias que puidesen presentarse; así como un plan de actuación con diferentes liñas de traballo para avanzar en materia de conservación da biodiversidade, paisaxe, investigación e uso público.
No caso dos plans de emerxencia, estes pretenden optimizar a utilidade dos recursos técnicos e humanos dispoñibles, co obxectivo de controlar de forma rápida a evolución da emerxencia e minimizar as posibles consecuencias. Deberán estar adaptados á normativa vixente e coordinado co resto dos plans establecidos no mesmo ámbito territorial.
Asemade, contará cun programa económico financeiro para levar a cabo actividades e actuacións que garantan a mellora e a conservacións deste espazo nos vindeiros anos, como o programa de conservación da biodiversidade, de investigación, seguimento e avaliación, de uso público e de mellora das infraestruturas.
O Invernaeiro foi declarado como parque natural o 5 de xuño de 1997 e posúe unha gran importancia ecolóxica, pola singularidade dos seus ecosistemas e hábitats, como pola súa xeomorfoloxía e paisaxe. Conta cunha gran biodiversidade, cunha gran riqueza faunística, especialmente mamíferos e aves.