Cos votos a favor dos 10 concelleiros do grupo socialista resultaban aprobados os orzamentos para o ano 2021 do Concello do Barco, que ascenden a 9.651.000 euros, o que supón 200.000 euros menos que o do ano pasado. “É un orzamento realista e prudente en canto a ingresos e gastos”, no que se manterán “ou incluso se incrementarán as partidas relacionadas con gastos sociais e outros que nós asumimos como consecuencia do Covid”, explicaba o voceiro do grupo de goberno, o socialista Aurentino Alonso.
Concretaba así mesmo que se destinan 580.021 euros ao capítulo de investimentos, ao mesmo tempo que explicaba que haberá máis actuacións con fondos procedentes doutras administracións como son unha actuación de reforma no campo de fútbol de Calabagueiros (con máis de 100.000 euros), o proxecto da avenida do Bierzo (máis de 800.000 euros), a segunda fase de rehabilitación da fortaleza do Castro ou a mellora da capacidade de desaugue e recuperación do dominio público hidráulico no Regueiro de Forcadela. “Polo tanto, é un investimento realista e con proxectos asegurados para o 2021 por valor de 1,8 millóns de euros”, remarcaba Alonso.
Ademais o voceiro socialista destacaba que se vai seguir apoiando ao comercio e á hostalaría local e, nesa liña, lembraba a campaña “Máis Barco” e comentaba a renovación do convenio de colaboración anual que o Concello do Barco ten co Barco Centro Comercial Aberto.
Dende a oposición, o concelleiro do BNG Suso Vilasánchez comentaba que un “orzamento sempre é unha declaración de intencións e, en tempos de Covid, é unha declaración incerta”. Tamén os consideraba “demasiado optimistas” e advertía de que se “podería descapitalizar o Concello”. Pedía “prudencia” e anunciaba a súa abstención na votación, ao considerar “que non imos facer nestes tempos deste debate un circo”.
Pola súa banda, o edil de Riada Cidadá, Félix García, referíase á diminución da contía do orzamento con respecto ao 2020, comentando ademais que o capítulo de investimentos supón “tan só un 5,8%” do mesmo, fronte a outros gastos como o do persoal, “con 4,8 millóns de euros, o que supón o 51,2% do total”. Ademais indicaba que se este 5,8% se alonxa do 6,8% do ano 2020, “está aínda máis lonxe do 12% do ano 2017, cando o ideal sería que estivera nun 20%, polo que nese aspecto se aprecia un retroceso. Tamén se esconden as aportacións doutras administracións”. García Yáñez lamentaba que o grupo de goberno “non se plantexe remunicipalizar servizos, por exemplo, agora o contrato da recollida de lixo”. E por eses motivos o edil votaba en contra.
Dende o grupo municipal do PP, a súa voceira, Sabina Aguado, indicaba que o orzamento chegaba ao pleno 3 meses despois de terse iniciado o ano e que “non aporta nin unha soa idea nova, todo o que ten de novo sae das aportacións doutras administracións, os investimentos máis importantes non son aportación do Concello”. Aguado botaba en falta algunha partida máis de apoio ao sector empresarial, tendo en conta a actual situación de crise “e que por agora non se prevé a fin da pandemia” e pedía a convocatoria da comisión municipal de Sanidade, que “leva moitos meses sen celebrarse”.
Así mesmo os populares lamentaban “non atopar nos orzamentos ningunha partida habilitada para xacementos arqueolóxicos comoo do Porto da Barca, sobre o que foi aprobado en pleno unha moción” e indicaban que tampouco había ningunha para a recuperación do Salgueiral ou para o desenvolvemento do proxecto do anunciado museo da minería.
En resposta á oposición, Aurentino Alonso explicaba que o feito de contar con aportacións doutras administracións para levar adiante os proxectos “chámase xestión. Se buscas quen poña os cartos e son cantidades que están comprometidas, iso creo que é unha xestión bastante positiva”. O orzamento resultaba aprobado unicamento cos 10 votos favorables do partido socialista, mentres que os cinco edís do PP e o de Riada votaban en contra e o concelleiro do BNG abstíñase.
Neste pleno tamén resultaban aprobados, neste caso por unanimidade, un recoñecemento extraxudicial de crédito (por importe de 166.986,56 euros), unha modificación do plan estratéxico de subvencións para o período 2020-2023 no referente ao 2021 e o proxecto de obra de saneamento, pavimentación e abastecemento da rúa Cimadevila de Viloira.
Seis mocións
Nesta mesma sesión sometíanse a aprobación seis mocións diferentes. A primeira delas, do grupo socialista, presentábaa o concelleiro de Sanidade, Orlando Saavedra, e pedía o rexeitamento á modificación da Lei de Sanidade de Galicia. Era aprobada por 12 votos a favor (PSdeG-PSOE, BNG e Riada Cidadá) e 5 en contra do PP.
Logo debatíase unha moción para “acadar a equidade na vacinación contra o Covid-19”, defendida polo concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, que tamén saía adiante cos votos socialistas, do BNG e de Riada, mentres que o PP votaba en contra. Vilasánchez presentaba ademais unha segunda moción, desta volta relativa ás “manifestacións feministas do 8 de marzo no tocante ao posicionamento do pleno sobre a situación actual das mulleres agravada polo Covid-19 e a falta de recursos”, tamén resultaba aprobada co apoio do partido socialista, BNG e Riada, fronte aos votos negativos do PP. Antes desta moción, a concelleira de Medio Ambiente, Diana Urdangaray, procedía a dar lectura ao manifesto do Concello do Barco (consensuado polos 4 grupos políticos municipais) do Día da Muller, que se lerá novamente o 8 de marzo.
Por unanimidade resultaba aprobada ademais unha moción para “requerir á empresa Iberdrola para que manteña o Centro de Operacións de Conca na Rúa”, presentada inicialmente por Riada Cidadá, pero cuxa exposición de motivos se convertía ao final nunha declaración institucional, ao estar dacordo con ela toda a Corporación. Ademais ao texto engadíaselle un punto, que lía a edil popular Sabina Aguado, pedindo que se dote de máis servizos á oficina desta empresa na Rúa. Saía adiante por unanimidade.
A quinta moción da orde do día era a relativa a un novo modelo eólico integral, presentada de forma conxunta polo partido socialista, BNG e Riada. O PP, que participou na súa elaboración nas comisións, explicaba o seu voto en contra indicando que “é un totum revolutum, nela mesturan cuestións xerais con outras particulares que se refiren ao parque eólico de Prada. Non tivemos ningún inconvinte en pactar as alegacións, pero resultaba complicado apoiar a moción xa que estamos a favor da enerxía eólica sempre e cando sexa compatible coas actividades que xa se desenvolven no territorio e a lexislación galega atende a iso”. O punto aprobábase por 12 votos a favor e os 5 en contra do PP.
Mellora da OU-533
Finalmente o PP, a través de Carlos Javier Crespo, presentaba unha moción sobre o acondicionamento e mellora da estrada autonómica OU-533 (A Rúa-A Gudiña) na que se pedía “instar ao Goberno de España a que inclúa nos fondos europeos de recuperación a proposta da Xunta para a mellora e acondicionamento” deste vial.
O edil nacionalista Suso Vilasánchez, incidía en que a mellora desa estrada, de titularidade galega, xa levaba pedindo dende hai anos dende o BNG e indicando que “ata agora ao PP no lle parecía important”, “presentamos tamén unha emenda aos orzamentos galegos no Parlamento sobre ese tema, pero as nosas peticións nunca foron escoitadas e as mocións foron rexeitadas”. Ademais Vilasánchez interpretaba a moción como “unha necesidade do PP do Barco de lavar a cara”, aínda así anunciaba o seu voto favorable.
De maneira similar se manifestaba Félix García de Riada, indicando ademais que “apoiamos a moción sempre e cando o PP se comprometa, se non se conseguen eses fondos europeos, a incluíula nos orzamentos da Xunta para arranxala”.
O voceiro socialista, Aurentino Alonso, comentaba asemade que o PSdeG-PSOE leva reclamando o arranxo “desta estrada moito tempo, por iso alegrámonos de que o PP rectifique e traia esta moción, non sen tempo”, pero tamén propoñía engadir unha emenda á mesma indicando que se finalmente non se conseguen os fondos europeos para este proxecto “instar á Xunta para que asuma o compromiso de realizala”. O grupo municipal do PP aceptou a emenda e a moción resultaba aprobada.
Fotos: A.R.