AletismoDeportesÚltima hora

O plusmarquista Fernando Carro, entre os 503 atletas que correrán no nacional de 10K en ruta, no Barco

Mañá pola tarde Maitane Melero, Fernando Carro e Alejo Ares terán un encontro coa afección no Salón de Actos do Edificio Multiusos do Barco

Fernando Carro. /Foto: Facebook Fernando Carro Morillo.

 

Un total de 503 atletas (368 homes e 135 mulleres), dos cales 294 pertencen á categoría master, participará este domingo 8 de maio no XIII Campionato de España de 10 km en Ruta absoluto e máster que se celebrará no Barco de Valdeorras e que terá tres saídas: a primeira ás 10:30 horas para a categoría feminina tanto absoluta como máster, e ademais os máster de M50 e superior; a segunda ás 11:45 horas para a categoría absoluta masculina e os máster M35, M40 e M50; e a terceira ás 12:30 horas para a carreira popular na que hai 70 inscritos.

A saída e a meta estarán situadas na avenida Marcelino Suárez e os atletas darán tres voltas a un circuíto de 3300 metros cunha recta de saída de 50 metros e outra de meta de igualmente 50 metros.

A proba feminina, que será a primeira en disputarse, presenta grandes alicientes e un cadro de atletas de gran nivel que dan como resultado unha das edicións máis potentes dos últimos anos, entre as que estarán a líder española do ano, a catalá Meritxell Soler, a navarra Maitane Melero e a galega Ester Navarrete.

Na proba masculina, que se disputará a continuación, destaca a presenza do vixente campión de España, o atleta ibicenco Abdelaziz Merzougui, do madrileño Jesús Ramos e do plusmarquista de 3000 obstáculos, o madrileño Fernando Carro, que reaparece nove meses despois da última competición, nos Xogos Olímpicos de Tokio.

 

 

No tocante á participación dos atletas galegos, será a actual plusmarquista nacional dos 5.000 m. Julia Vaquero quen lidere a representación galega máster. Xosé Lois Otero será outro dos galegos importantes na categoría M70. Na categoría absoluta masculina destaca o ourensán Alejandro Fernández, posiblemente o melllor corredor galego de ruta dos últimos anos. Mención aparte ten o atleta Alejo Ares do ADAS Cupa, quen na súa condición de local acaparará todo o cariño e apoio dos afeccionados que acudan ao circuíto, e no que intentará lograr un bo resultado como no ano 2018 no que remataba terceiro no nacional absoluto.

A entrega de premios da primeira carreira será ás 12:15 horas, a da segunda ás 13:05 e a da carreira popular ás 13:45 horas.

Un día antes da carreira, mañá 7 de maio, tres dos atletas que correrán o domingo mantendrán un encontro coa afección. Maitane Melero, Fernando Carro e Alejo Ares estarán no Salón de Actos do Edificio Multiusos do Barco asinando carteis a partir das 19:30 horas.

Artigos relacionados

Back to top button