DeportesÚltima hora

O polideportivo de Vilamartín pasará a chamarse Luis Nogueira

Así o aprobaba en solidario o grupo de goberno municipal socialista. Tamén saía adiante, cos votos en contra do PP, iniciar os trámites para crear a Fundación Florencio Delgado

Entrada ao pavillón polideportivo de Vilamartín./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O pavillón polideportivo de Vilamartín levará a partir de agora o nome do varias veces campión do mundo máster en lanzamento de xavelina Luis Nogueira, natural de San Vicente de Leira e falecido na pasada primavera. Así se acordaba no pleno municipal que a Corporación vilamartinesa celebraba o pasado xoves cos votos a favor do grupo de goberno socialista, con maioría, mentres que os concelleiros do PP votaban en contra.

“Creo que é o deportista máis recoñecido internacionalmente da nosa comarca e que merece ben o feito de que se lle poña unha rúa no seu pobo e que se lle dea o seu nome ao polideportivo que ata o de agora non tiña nome ningún. Parécenos que estaba máis que xustificado”, dicía o alcalde vilamartinés, Enrique Álvarez Barreiro.

Sen embargo, os seus argumentos no convencían ao grupo municipal do PP, que votaba en contra da proposta. “Creo que se se lle adica unha rúa en San Vicente, que de feito é algo que aprobamos, xa é suficiente”, explicaba José Pinto, voceiro vilamartinés do PP.

Outro dos puntos da orde do día que tamén saía adiante unicamente cos votos socialistas era a iniciación dos trámites para crear a Fundación Florencio Delgado Gurriarán. “Penso que é algo moi interesante para o noso Concello”, destacaba o rexedor vilamartinés, “ademais aquí estamos falando de que non é só o Concello de Vilamartín de Valdeorras, tiramos por esta fundación concellos da comarca de distintos cores políticos como Rubiá ou A Rúa, que están dentro deste proxecto no que levamos seis anos pedindo as Letras Galegas para Florencio Delgado Gurriarán”.

Sen embargo, o grupo municipal do PP tampouco apoiaba este punto. “Nós votamos en contra de crear a Fundación Florencio Delgado Gurriarán porque non se presentaba ningún informe onde xustifique nin a forma na que vai funcionar, nin o gasto que vai ter, nin como se vai levar isto a cabo, simplemente era aprobar unha fundación. E a maior parte das fundación ao final acaban como acaban… Se chegan a presentar un informe dicindo que a fundación se vai desenvolver de determinada forma e que se vexa que é viable, teríamolo apoiado. Levan varios anos con isto, levan gastado un montón de diñeiro, pero a parte non sabemos onde vai ir parar isto, nin como se vai realizar e podería acabar sendo un chiringuito como non se controle dalgunha maneira”.

O uso deste termo na sesión plenaria disgustaba ao alcalde de Vilamartín. “Que usase esa palabra pareceume ofensivo. Hai que recordar o labor de fundacións como a Otero Pedrayo, que financia a Deputación entre outras administracións; a Fundación Carlos Casares e hai outras moitas que financian as administracións públicas”.

Artigos relacionados

Back to top button