PolíticaÚltima hora

O PP de Vilamartín considera que sería “un gran erro” trasladar a sede da DO Valdeorras fóra deste concello

Sede do CRDO Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ante a posibilidade de que a sede do CRDO Valdeorras se traslade á Rúa, tal e como o declaraba o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na suá visita a Valdeorras en abril, o PP de Vilamartín vén de emitir un comunicado para amosar a súa postura ao respecto.

“Consideramos que sería un gran erro por parte de todos que tal feito sucedera, polo que expresamos o noso rexeitamento a que a sede se traslade fóra de Vilamartín”, asegura o concelleiro e voceiro popular neste municipio, José Pinto. Tamén di que se trata dun “servizo importante, tanto para a comarca como para o propio municipio, xa que contamos cun gran número de adegas e viticultores. Historicamente ubicouse en Vilamartín, e no seu día custou moito conseguir que isto sucedera. O antigo goberno do PP fíxoo posible”.

 

Imaxe do antigo Concello de Vilamartín./ Cedida.

 

Ademais, Pinto asegura que “dende o noso grupo propoñemos ubicar a sede no centro de Vilamartín, na praza José Luis Núñez, no antigo concello. Isto sería beneficioso para o Consello Regulador, que contaría cunhas amplas instalacións, as cales son mellores que as actuais. Tamén sería beneficioso para o pobo de Vilamartín, xa que xeraría un fluxo de movemento de persoas neste”.

O concelleiro vilamartinés do PP asegura tamén que o seu grupo político presentou no Concello “un escrito solicitando ao alcalde que convoque unha xuntanza co presidente do CRDO Valdeorras para ver se hai algunha posibilidade de que permaneza en Vilamartín a sede”.

 

Artigos relacionados

Back to top button