PolíticaÚltima hora

O PP e o BNG do Barco piden que o Concello retire lixo dunha das zonas ocupadas polos feirantes na Santa Rita

Trátase do tramo situado tras cruzar o río Mariñán e polo que pasa o Camiño de Inverno

 

Esta tarde tanto dende o PP do Barco como dende o BNG enviábanse sendos comunicados recollendo as “queixas dos veciños de Calabagueiros”, que piden a retirada de lixo situado na zona ocupada polas vivendas provisionais dos feirantes que estiveron nas festas de Santa Rita. Queixas que lles chegaban a estas dúas formacións políticas a través da asociación de veciños desta zona da vila, acompañadas de varias fotografías.

“En pleno Camiño de Inverno, máis dun mes despois das festas de Santa Rita, o estado na zona onde se situaron as vivendas provisionais dos feirantes é de total abandono. O Concello debería limpar esa zona de paso, tanto para veciños como para peregrinos que, coa chegada do bo tempo usan con máis asiduidade se cabe. Foi o propio Concello o que se comprometeu cos veciños á devandita limpeza.
Solicitamos a inmediata retirada do lixo desta e outras zonas”, sinalan o grupo municipal do PP do Barco.

De maneira similar se pronuncia o BNG, comentando que “non se concibe que máis dun mes despois das festas poida estar ese lixo aí sen retirar. Dá unha imaxe tremenda de abandono, de desleixo” e, nesa mesma liña, lembran a necesidade de proceder á limpeza da área recreativa do Salgueiral, unha petición que, en forma de rogo, xa lle expresaba un edil do BNG ao grupo de goberno barquense no pleno de xuño.

Fotos cedidas.

 

Back to top button