Os nomes das persoas que abrirán a lista do PP nas vindeiras eleccións municipais do 2015 nos municipios da zona electoral de Bande dábanse a coñecer na mañá do 8 de novembro. Esta presentación tiña lugar no salón de actos do Concello de Bande e contaba coa presenza do secretario xeral do PPOU, Rosendo Fernández, así como do membro do Comité Executivo do PPdeG, Jesús Vázquez Abad. Ademais o acto pechábase coa intervención do presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar, quen incidía en que “o PPOU é o único partido cunha folla de ruta diáfana e un proxecto organizado, sendo xa 64 os cabezas de lista que están presentados a día de hoxe”.
Os candidatos do PP á alcaldía nos oito concellos desta zona serán: José Antonio Armada Pérez (39 anos) en Bande, José Manuel Andrade Rodríguez (40 anos) en Calvos de Randín, Manuel Fernández Torres (69 anos) en Entrimo, Antonio Iglesias Álvarez (56 anos) en Lobeira, María del Carmen Yáñez Salgado (38 anos) en Lobios, Plácido Álvarez Dobaño (56 anos) en Muíños, Manuel Pérez Pereira (60 anos) en Padrenda e Juan Antonio Martínez González (60 anos) en Verea.