ConcellosÚltima horaVerín

O prazo de inscrición para os Maios 2023 do Concello de Verín estará aberto ata o 25 de abril

Maios e Feira Solidaria no 2022./ Foto: Concello de Verín.

 

Na década dos cincuenta, Enrique Gómez Pato comezou a percorrer as rúas de Verín con efémeras esculturas de madeira recubertas de plantas silvestres. Ao carón ou agochado no interior, el e os seus acompañantes cantaban e espallaban unhas coplas que a veciñanza agardaba pola súa creatividade e crítica. Na súa lembranza e para que se manteña esta manifestación da nosa cultura popular, o Concello de Verín organiza o día 1 de maio unha concentración de maios tradicionais, artísticos ou -só para o alumnado de Infantil- feitos con refugallos, que se rexerá polas seguintes bases:

1ª.- Nesta concentración non competitiva poden inscribirse, no Concello de Verín, antes do día 21 de abril, centros de ensino, institucións; e asociacións da comarca de Verín, rexistradas.

2ª.- Os maios participantes colocaranse no Parque da Alameda, o día 1 de maio, nos lugares que a organización determine, das 10 h até que remate a festa.

3ª.- Os maios artísticos e enxebres terán que ir recubertos na súa totalidade con elementos naturais (xestas, carrabouxos, flores, madeiras, etc). Os maios do alumnado de Educación Infantil, exteriormente, utilizarán materiais de refugallo ou naturais.

 

Maios e Feira Solidaria de 2022./ Foto: Concello de Verín.

 

4ª.- Como axuda para as custas de montaxe do maio, a cada asociación que concorra á concentración e cumpra coas Bases entregaráselle 120 coplas. Como excepción, aos centros de ensino, polas características específicas das comunidades educativas, entregaráselle copla para o arquivo e unha cantidade en metálico de 200 €, que será de 250 euros se o centro presenta, ademais do maio artístico ou tradicional, un maio feito por alumnado de Educación Infantil.

5ª.- As coplas serán elaboradas polos grupos participantes, segundo catro directrices: A copla non terá menos de 16 estrofas de catro versos nin máis das que, nunha tipografía lexíbel, se poidan reproducir nun DIN A4 impreso a unha cara. Para a estrutura da redacción da copla aconséllase que as estrofas se agrupen segundo a temática que desenvolvan; O colectivo redactor responsabilízase da autoría do texto. O Concello, que non realizará ningunha revisión do texto previa á impresión (agás que o colectivo redactor o solicite expresamente), aconsella que se coide tanto a estrutura literaria como a corrección idiomática; O texto enviarase a cultura@verin.gal ata o día 25 de abril; Das coplas farase unha edición única e conxunta con obxectivos culturais e sociais. Para a tratar de obter os fins sociais, as doazóns que se recaden no reparto de 800 exemplares destinaranse ao financiamento de programas de investigación para a prevención e a cura do cancro, promovidos pola Asociación Española Contra o Cancro. Animamos tamén a colectivos e persoas a faceren doazóns para esta causa na conta: ES68 2080 0475 5630 4000 0077 (ABANCA).

6ª.-A interpretación destas Bases, a admisión de participantes e as decisións sobre calquera extremo non regulamentado son un dereito exclusivo do Concello de Verín.

 

Artigos relacionados

Back to top button