ConcellosPetínÚltima horaVídeos

O pregón de “Chavito” abre a XI Feira de 1812 en Petín

 

Veciño de Castrofolla (Petín) e habitual presentador de eventos e pregoeiros, no mediodía deste sábado 22 de xuño, Juan José Rodríguez Losada, “Chavito” ou “Chavi” convertíase no protagonista da inauguración da XI edición da Feira de 1812 en Petín. Era o encargado de dar o pregón que abría esta edición da feira, dúas semanas aprazada por mor do tempo, coa que a vila valdeorresa volve ao século XIX durante a fin de semana.

 

 

A presentación corría este ano a cargo de Miguel Bautista, quen recoñeceu ter dobre dificultade “por ser primeirizo e pola amizade que me une ao pregoeiro xa que non lembro cando foi que nos coñecemos, con infinidade de vivencias conxuntas”. Lembrou a amizade que uníu ás súas familias facendo fincapé en curiosas anécdotas de xuventude.

 

 

Historias sobre as que “Chavito” centrou o seu pregón, feito dende o corazón e a memoria, sen esquecer nin persoas, nin momentos, nin curiosidades, vividas na súa infancia e xuventude, lembrando ao Petín dos anos 70 e 80, as festas, os bares, o río, os barrios,… Foi un pregón feito por e para os petineses que aplaudían cada unha das súas palabras, sentíndose na maioría dos casos indentificados.

 

 

Con este acto, que regresaba ao casco vello de Petín abríase oficialmente a feira, con 45 postos de gastronomía, artesanía e decoración, así como adegas valdeorresas, ao longo das empedradas rúas engalandas para a ocasión.

 

 

Pola tarde, como vén sendo habitual, os Bois de Mario Nogueira achegaranse ata o recinto onde tamén hai instalado un bar. Pola noite a música correrá a cargo de Gin Toni’s e mañá volverá abrir a feira en horario de mañá e tarde.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver excepto a última imaxa da galería que é cedida.

 

Artigos relacionados

Back to top button