
Dende ben cativo vivía con especial ilusión e emoción a chegada das festas do Cristo do Barco. Entre os momentos que garda na súa memoria están as ceas que a súa nai traía nunha cestiña dende Tremiñá, unha localidade próxima á vila, para logo compartir xunto coa súa familia na explanada hoxe ocupada polo Concello Vello. Despois era o momento de ir á festa, que se facía na praza Maior.
Moitas décadas despois diso, o entrañable escultor Ángel García Álvarez “Xelo de Tremiñá” volverá a esa mesma praza para compartir esas e outras vivencias cos seus veciños na lectura do pregón que abrirá as Festas do Cristo 2018. Este acto está previsto para as 20:30h. deste xoves 13 de setembro.
Media hora antes, as Calantornias e os Cabezudos partirán dende o Malecón facendo un percorrido ao compás da charanga “Airiños de Caldelas” para dirixirse ao lugar do pregón, a praza Maior.