
O Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV entregará un premio do público á curtametraxe que resulte mellor valorada nas proxeccións que se relizarán durante esta semana no auditorio. Cada ano, o festival aposta por un artesá ou artista local para elaborar o galardón na gala final. Ademais, este ano o premio do público estará adicado ao recentemente falecido cineasta verinés, Plácido Romero. A directiva do FIC Vía XIV fai fincapé na gran figura de Plácido como un fervente gardián da memoria colectiva.
Este ano, Pato Joyeros de Verín creou un trofeo inspirado no cartaz da edición e xogando coa perspectiva a raíz da temática do noveno FIC Vía XIV: os lindes mentais. Dende Pato Joyeros afirman que a súa participación no festival reside, por unha banda, “para que iniciativas como esta poidan seguir levándose a cabo” e, ademais, porque “mesturar a xoiería co cinema é unha maneira de aunar estas dúas artes”.

Dende o FIC Vía XIV levan anos apostando polo talento local e porque as artes sexan complementarias. Deste xeito, resaltan a importancia de continúar colaborando con artistas locais, potenciando o talento de Verín e creando unha comunidade de artistas da contorna que poidan traballar en conxunto.
Ao longo de toda a semana haberá proxeccións das seccións oficiais a concurso é, a saída, as persoas participantes poderán votar a curta que máis lles guste. Dende a organización animan a toda a vila a asistir a gala final, que se celebrará o vindeiro sábado 7 de setembro no auditorio ás 21:00h. “É unha oportunidade para que veciñanza e profesionais do sector profesional se coñezan e xeren espazos comúns. Para o FIC Vía XIV é fundamental que a veciñanza de Verín sexa protagonista do festival”, declaran dende a directiva.
Fotos: FIC Vía XIV.