O Premio Otero Pedrayo é un premio honorífico que conceden dende 1977 as deputacións provinciais de Galicia, co apoio da Xunta de Galicia. O premio é de carácter rotatorio e nesta edición correspondeulle a súa organización á Deputación de Ourense. O xurado, reunido na mañá deste luns 14 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel, acordaba outorgarlle este galardón á Coral De Ruada, valorando o xurado que “non se trata só dunha agrupación folclórica senón que é unha institución galeguista e auspiciada pola Xeración Nós, que tivo e ten un papel moi destacado na defensa e difusión da nosa cultura e da nosa lingua”.
A Coral De Ruada foi fundada no ano 1918 polos ourensáns Fabriciano Iglesias, Xabier Prado “Lameiro”, Xulio Prieto Nespereira, Virxilio Fernández e Cesáreo Eire. Presentouse no Salón Apolo de Ourense o día 24 de xuño de 1919 e en Madrid en 1920.
Na súa traxectoria, De Ruada recibiu numerosos galardóns, premios e distincións, destacando entre eles a gravata para a bandeira doada por S.M. D. Alfonso XIII; a Placa de Ouro do Centro Galego de Buenos Aires (1931); Bandeira do Concello de Ourense (1954); Medalla de Ouro da Provincia de Ourense (1984); Pedrón de Ouro (1990); Medalla de Galicia, na categoría de Bronce (1992); Medalla de Ouro do Liceo Recreo Ourensán (1994); Medalla de Ouro da Cidade de Ourense (1994); premio “Manuel Lorenzo”, na súa primeira edición, do Real Coro “Toxos e Froles” de Ou Ferrol (2002). Medalla de Ouro “Gaiteiro de Soutelo” (2007); Premio IAR (2008); Medalla de Ouro “Marcial do Adalid” da Real Academia de Belas Artes “Nosa Señora do Rosario” (2009); Medalla Castelao (2013); Premio “Orgullo Gaiteiro” (2015); Premio Trasalba, da Fundación Otero Pedrayo (2018); Premio Adolfo Enríquez (2019); Premio Rebulir (2019).
Na actualidade centra o seu labor na difusión dos temas folclóricos galegos e a polifonía galega e universal nas Sociedades Culturais de Galicia, España e o estranxeiro.
Ademais do coro, Coral De Ruada dispón dunha Escola de Música Tradicional “Virxilio Fernández” o grupo de Teatro “Xabier Prado Lameiro” e a escola de baile “Coral De Ruada”. A formación participa tamén en numerosos actos institucionais, colaborando co Concello, Deputación, Catedral de Ourense e Xunta de Galicia. Por outra banda, de Ruada organiza todos os anos o “Premio Xabier Prado Lameiro”, as xornadas “LembradeNÓS”, o “Certame De Ruada”, o “Concerto dous Amigos” no Teatro Principal e o “Concerto de Nadal” na Catedral de Ourense.
A súa actuación mais recente foi en México na cidade de Pueble, facendo varias actuacións e levando o nome de Ourense e Galicia a terras mexicanas. Estivo actuando no Museo Internacional Barroco, no Templo de San Francisco, no Parque España de Puebla, na Igrexa de Santa Clara de Asis e na Catedral.
Desde o ano 2022 preside a Xunta de Goberno da Coral Fátima María Malingre Grande. A formación está composta, actualmente, por 42 voces mixtas, 10 instrumentistas (gaita, percusión, zanfona, piano e órgano) e 16 bailaríns, baixo a dirección de Xoán Antón Vázquez Casas.