CulturaÚltima hora

O Premio Trasalba 2016 recae no político e ensaista vigués Camilo Nogueira

O acto de entrega terá lugar na Festa Literaria da Fundación Otero Pedrayo o vindeiro domingo 26
Nesta edición, o acto literario coincide coa xornada electoral.
Nesta edición, o acto literario coincide coa xornada electoral.

O político, economista e ensaista vigués Camilo Nogueira (1936) será o galardoado no Premio Trasalba 2016, que se outorga cada ano no concello ourensán de Amoeiro. Así o comunican dende a Fundación Otero Pedrayo, organizadora deste recoñecemento literario que tradicionalmente se celebra o derradeiro domingo de xuño. Nesta ocasión, coincidindo coa xornada electoral, a entrega do galardón será o vindeiro día 26, ás 12 do mediodía no auditorio da Casa Museo.

A Festa Literaria cumpre 24 edicións e faino entregando o recoñecemento deste ano a unha persoa que, segundo definen dende a fundación, está vencellada á cultura galega e ao galeguismo. O escritor Suso de Toro encargarase da laudatio a Nogueira. No mesmo acto tamén se presentará o libro ‘Pensar Galicia, pensar o mundo’, con colaboracións de diversos autores arredor da figura do homenaxeado, así como a escolma dalgúns trabalos do autor e unha fotobiografía historiada.

Tamén se presentará o primeiro tomo das Memorias de Otero Pedrayo, ‘Lembranzas do meu vivir’, realizado por Joaquín Ventura, profesor da Universidade de Barcelona, cun limiar do mestre Ramón Villares. Os asistentes poderán coñecer igualmente de primeira man unha nova edición do ‘Parladoiro’, unha escolma de artigos xornalísticos de Otero Pedrayo que preparou o profesor Carlos Baliñas cando aínda vivía o señor de Trasalba.

Non obstante, a xornada dominical non só concentrará a entrega do Premio Trasalba. Deste xeito, tal e como avanzou o Periódico O Sil, proxectarase o tráiler da película ‘Pelerinaxes’, do realizador Simone Saibene. O filme plasma a viaxe que en 1927 realizaron Otero, Vicente Risco e Ben Cho Shei dende Ourense até Santo André de Teixido.

O día tamén servirá para celebrar a asemblea anual do padroado da fundación. Reunirase unhas horas antes da entrega do premio, na biblioteca da Casa Grande de Trasalba, baixo a presidencia de honra do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e do presidente da fundación, Víctor Freixanes.

Arredor das 14 horas, a Festa Literaria concluirá coa celebración dun xantar de amizade, que terá lugar no souto de Trasalba.

Artigos relacionados

Back to top button