Dende a Comunidade de Montes de Espasa (Chandrexa de Queixa), con 30 hectáreas afectadas polo lume destes días, o seu presidente, Pedro Rodríguez, vén de defender o labor que están a realizar os medios de extinción. “Quero agradecer e felicitar ás brigadas, aos traballadores, aos dos helicópteros, ao condutor do bulldozer… á xente que se bateu alí durante tres días para preservar unha repoboación. Son uns auténticos profesionais e non permito que ninguén manche a esa xente e que ninguén faga política co dano da miña comunidade”, sinalaba, respondendo así ao escrito de opinión do concelleiro de Xuntos por Chandrexa, Rubén Fernández, publicado neste medio na noite de onte.
Pedro Rodríguez sinala que “eu estiven alí ao pé do canón e vin os medios que houbo, helcópteros, dúas brigadas… e que non había máis posibilidade de que houbera máis, e vin como traballaron eses profesionais apagando o lume. Entón, pido un pouco máis de sentidiño”.
O presidente da Comunidade de Montes de Espasa cre que debería empezarse por “criticar a quen planta o lume, porque a nós acábannos de marchar co patrimonio, con 30 hectáreas de repoboación de piñeiro. Despois que fagan as críticas que teñan que facer, que serán benvidas en aras de mellorar o sistema que temos antiincendios”.
Esta mañá aínda estaban traballando nesa zona de Chandrexa de Queixa “catro helicópteros porque reavivouse nunha das zonas e corre algo de perigo”, indica Pedro Rodríguez, que segue pendente de como evoluciona a situación.
Fotos dos labores de extinción onte nesta zona de Chandrexa. Cedidas por Pedro Rodríguez.