OurenseÚltima hora

O presidente da Xunta visitaba hoxe as zonas afectadas polos lumes, entre elas O Barco

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao longo desta xornada ás zonas afectadas polos lumes rexistrados nas provincias de Lugo e Ourense para “garantir á poboación que os traballos de extinción continuarán arreo ata que se controlen os incendios”. Alfonso Rueda achegouse ao posto de mando avanzado da Pobra de Brollón desde o que se xestionan os lumes rexistrados na provincia, acompañou os veciños desaloxados en Triacastela, coñeceu in situ as zonas afectadas polo lume en Folgoso do Caurel e tiña previsto achegarse tamén a primeira hora da tarde ao posto de mando avanzado do Barco de Valdeorras, na provincia de Ourense.

O mandatario galego confirmou que os lumes están relacionados cun fenómeno “inusual” de tormentas e lóstregos que deron lugar á aparición de máis de 50 incendios instantáneos a partir do xoves. Na tarde de onte e na pasada noite, ademais, o vento complicou a situación incluso naquelas zonas que xa estaban contornadas, polo que as últimas horas “foron moi complicadas”, recoñeceu.

Rueda, que acudiu ao posto de mando acompañado polo vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, e polo conselleiro do Medio Rural, José González, informou de que na actualidade hai activos en Galicia dez incendios de máis de 20 hectáreas e dous especialmente complexos os do Folgoso do Caurel e Valdeorras.

Para controlar os lumes están operativos na zona 400 efectivos con 50 motobombas así como as tres grandes cisternas da Axencia Galega de Emerxencias, que é a primeira vez que se activan xuntas. “A prioridade é extinguir os incendios e avaliar os danos”, dixo o presidente da Xunta, quen indicou tamén que será despois cando se cuantifiquen as axudas que poidan recibir os damnificados. Indicou, ademais, que é primordial garantir a seguridade das persoas residentes nas zonas afectadas e das desprazadas, ás que pediu comprensión mentres os medios traballan para que os danos sexan os menos posibles.

Rueda agradeceu á Unidade Militar de Emerxencias e aos corpos de seguridade do Estado a súa colaboración na extinción dos lumes, así como aos medios da Xunta que levan días traballando arreo para controlalos.

Artigos relacionados

Back to top button