EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O presidente do C.R.D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez, reúnese co presidente da Deputación

Reunión co presidente da Deputación en Ourense.

 

No mediodía deste luns 17 de abril José Ramón Rodríguez Castellanos, recentemente investido como presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, mantiña en Ourense o seu primeiro encontro institucional co presidente da Deputación, Manuel Baltar. Unha xuntanza que serviu como “primeira toma de contacto e na que se abordaron os retos aos que cómpre facer fronte no sector vitivinícola de Valdeorras para seguir situando os brancos e tintos da D.O. como referentes de prestixio”, aseguran dende o consello regulador.

Entre estes obxectivos, Rodríguez Castellanos sinalou que se precisa poñer o acento no control de calidade, para obter viños que posúan aínda “unha maior identidade”, e na intensificación da promoción favorecendo, particularmente, que as adegas da comarca presenten as súas referencias e se volvan reivindicar nos principais concursos nacionais e internacionais.

 

O presidente do C.R.D.O. Valdeorras acudiu á xuntanza con Baltar acompañado do vicepresidente e do vogal do organismo.

 

Xunto a isto, o novo presidente da D.O. agradeceu a Baltar a achega económica facilitada pola Deputación Provincial para acometer obras de acondicionamento na sé do Consello Regulador, en Vilamartín de Valdeorras. Unha achega de 80.000 euros que permitiu rematar moi recentemente estas obras de mellora no emprazamento do organismo.

Rodríguez Castellanos acudiu á xuntanza co presidente da Deputación Provincial de Ourense acompañado do vicepresidente do C.R.D.O. Valdeorras, Roberto Fernández, e do vogal do organismo, José Guitián.

 

Artigos relacionados

Back to top button