José Ramón Rodríguez Castellanos, presidente dende hai pouco máis dun mes do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, prosegue coa súa axenda de xuntanzas institucionais e vén de manter un primeiro encontro co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.
Na reunión, celebrada esta mañá, Rodríguez Castellanos trasladou ao alto cargo autonómico o interese do territorio amparado valdeorrés polo establecemento de novas fórmulas que permitan a promoción exterior conxunta dos viños galegos.
José Ramón Rodríguez Castellanos apuntou que as accións promocionais comúns son axeitadas no estranxeiro en tanto en canto que “coas súas diferenzas e particularidades, os viños e licores de Galicia son sinómino de calidade en todo o mundo” e “todos nós, xuntos, somos máis fortes”.
En 2022, viños e licores autóctonos galegos promocionáronse de xeito conxunto, mantendo sempre as súas marcas de orixe diferenciais, en relevantes feiras sectoriais celebradas en París, Londres e Amsterdam.
Pola súa banda, Gabriel Alén trasladoulle o compromiso da Xunta de seguir a traballar a prol do sector e lembrou a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que persegue consolidar os nosos viños nos mercados nacional e internacional e potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios onde se producen.
Así mesmo -reiteroulle o delegado territorial- que o grande obxectivo da Estratexia é mellorar o posicionamento dos viños galegos, aumentar a súa competitividade en mercados nacionais e internacionais e transformar, de aquí a 2026, a capacidade de xeración de valor dos territorios nos que se produce.
Por último, Gabriel Alén, desexoulle moita sorte e éxitos na súa responsabilidade ao fronte do Consello Regulador da D.O. Valdeorras.