EconomíaEconomíaÚltima hora

O presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García, presenta en Bruxelas a primeira axenda urbana transfronteiriza de Europa

Dábase a coñecer nun acto no marco da Semana Europea das Rexións e Cidades neste mércores 10 de outubro

 

Un dos momentos da presentación en Bruxelas.

 

En Bruxelas vén de presentar nesta mañá o Eixo Atlántico a primeira Axenda Urbana transfronteiriza da Unión Europea, no contexto da Semana Europea das Rexións e Cidades. Neste acto os responsables desta organización transfronteiriza, que preside o alcalde do Barco, Alfredo García, destacaban o carácter transversal do documento, “xa que toca practicamente todas as cuestións estratéxicas da política urbana e o seu elevado proceso de participación, ao integrar as achegas dos concellos de Galicia e o Norte de Portugal, así como dos cidadáns, a través do proceso de consulta pública realizado”.

Durante a súa intervención, Alfredo García puxo de relevo a realidade urbana nos territorios despoboados de baixa densidade demográfica como é o caso do interior de Galicia e Portugal, onde os núcleos urbanos que dan servizo a toda unha comarca non poden acceder aos fondos europeos para o desenvolvemento urbano, como as EDUSI en España, por estar dirixidas a poboacións con máis de 20.000 habitantes, debendo contabilizarse estes no núcleo urbano, non na comarca. Neste contexto, o alcalde do Barco de Valdeorras e presidente tamén da Federación Galega de Municipios e Provincias, expuxo a necesidade de deseñar unha política urbana que sexa o suficientemente flexible como para adaptarse á realidade de todos os países e rexións, sendo capaz así de responder os retos de todo tipo de áreas urbanas.

Pola súa banda, o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, lembrou que dous terzos da poboación europea vive en cidades e que esta porcentaxe se elevará nos próximos anos. “Se a isto unimos que o 37% da poboación europea vive en rexións fronteirizas, é fácil ver a importancia de ter unha axenda urbana transfronteiriza”, indicou.

 

Entre os representantes do Eixo Atlántico, estaba o seu presidente, o alcalde do Barco e tamén presidente da Fegamp, Alfredo García.

 

O acto desenvolveuseno Square Conference Centre, e contou coa presenza da subdirectora xeral de Urbanismo do Ministerio de Fomento de España, Ángela de la Cruz, quen explicou quen informou sobre o proceso de elaboración da axenda urbana española e definiu este documento como unha guía para lograr a sustentabilidade dos modelos urbanos. Tamén Laura Hagemann, membro da Unidade Urbana da Comisión Europea, falou da política urbana, a axenda urbana europea e o seu encuadramento no próximo período de financiamento comunitario. O seminario, ademais, contou coa participación de José Palma Andrés, ex-director de Cooperación territorial da Comisión Europea, uns dos principais redactores do documento do Eixo Atlántico.

A Axenda Urbana é unha das máximas prioridades da Comisión Europea e, como tal, guiará o desenvolvemento das políticas comunitarias nos próximos anos. De aí a importancia desta presentación e de destacar a experiencia acumulada no Eixo Atlántico e poñela ao servizo doutras fronteiras europeas.

Tras a súa presentación no congreso celebrado na Coruña o 15 de marzo, a Axenda Urbana do Eixo Atlántico avanza xa na execución do seu Plan de Acción, que supón a posta en marcha efectiva das súas recomendacións para os concellos a ambos os dous lados da fronteira. Esta execución alíñase perfectamente cos cos obxectivos da Axenda 2030 de Nacións Unidas, o que significa que as cidades que apliquen o Plan de Acción estarán tamén aplicando as directrices dos 17 obxectivos da Axenda 2030 das Nacións Unidas.

Artigos relacionados

Back to top button