99 prazas de estacionamento gratuíto no mesmo centro da vila, fronte á praza Carlos Casares, con entrada e saída desde a rúa Curros Enríquez e acceso tamén por Vicente Risco. Aquí estará emprazado e así será o primeiro aparcadoiro público gratuíto que construirá o Concello de Xinzo co gallo de “reordenar o tráfico rodado e peonil, liberando espazo público para os peóns, reducindo o impacto negativo sobre o Camiño de Santiago (vehículos estacionados en rúas que forman parte del) e ofrecendo alternativas gratuítas aos condutores”.
Tal como expican dende o Concello, despois de meses de negociacións, lograban un acordo cos 6 propietarios dun grupo de solares situados entre as dúas rúas, de tal xeito que se formalizou unha cesión do seu uso por espazo de 6 anos a cambio da exención do IBI durante o mesmo tempo.
O espazo conta cunha superficie de 2.748 metros cadrados converterase nun estacionamento de uso gratuíto on capacidade para preto dun cento de vehículos. A obra suporá un unvestimento de preto de 34.726 euros, dos que o Concello aportará un 35% (12.150 euros), mentres que o resto correrá por conta da Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, precisamente para “reducir o impacto negativo provocado polo estacionamento de vehículos en rúas da vila que forman parte do Camiño de Santiago, concretamente da Vía da Prata”, puntualizan dende o Concello.
Agárdase que as obras estén rematadas no mes de novembro.