CulturaCulturaÚltima hora

O produtor de “Eroski Paraíso”, Gaspar Broullón, na estrea deste filme no Barco

 

Malia que a película xa podía verse durante a pasada fin de semana, era na tarde deste 16 de decembro cando o Teatro Lauro Olmo do Barco acollía un acto de presentación do filme “Eroski Paraíso”, que leva á gran pantalla a exitosa obra de teatro homónima da man dos directores Jorge Coira e Xesús Ron. Neste acto contábase coa asistencia do produtor do filme, Gaspar Broullón, que tras unha presentación, participaba despois da proxección nun coloquio cos asistentes.

“Eroski Paraíso” é unha comedia que explora a memoria colectiva, as voltas que dá a vida e a transformación das relacións nunha comunidade pequena. Baséase en historias reais que sucederon no Paraíso, unha famosa sala de festas de Muros que pechou en 1990 e que, ao cabo dos anos foi convertida nun supermercado Eroski.

Na película nárrase a historia de Álex (Cris Iglesias), unha nova cineasta, que decide facer un filme sobre a historia dos seus pais. Eva (Patricia de Lorenzo) e Antonio (Miguel de Lira) coñecéronse na citada sala de festas Paraíso en 1989, casaron e tiveron unha filla. Agora están divorciados, levan anos sen verse e a antiga discoteca onde se coñeceron é un supermercado Eroski.

Inicialmente estaba tamén prevista a asistencia a esta estrea no Barco do actor Miguel de Lira, pero finalmente non puido asistir por problemas persoais.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button