O “Acompañamento nos Hospitais e Centros de Saúde 2020” é un proxecto de humanización que consiste na realización, por persoas voluntarias, de todo tipo de actividades de acompañamento e apoio aos usuarios/as dos centros sanitarios públicos.
O seu obxectivo principal é “axudar ás persoas usuarias do sistema público de saúde, que previamente foron atendidas nos puntos de información polo persoal do Sergas, proporcionándolles información e acompañamento sobre os recursos e servizos existentes nos seus centros de referencia e sempre baixo a coordinación das diferentes xerencias das áreas sanitarias”, segundo a Consellería de Sanidade.
Durante unha visita ao Hospital de Ourense, a conselleira de Política Social, Fabiola García, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, agradecían neste 12 de febreiro o labor dos voluntarios do programa de acompañamento en hospitais e centros de saúde, a súa implicación e solidariedade. Reuníanse cos participantes que comezaron a fase de formación do proxecto neste centro hospitalario.
Esta iniciativa levarase a acabo inicialmente en dúas das sete áreas sanitarias: a de Lugo e a de Ourense. Para o desenvolvemento destes labores voluntarios, o Sergas ofrece un programa de formación previo. Ademais tamén se lle ofrecerá un seguro de accidentes e de responsabilidade civil. O prazo de inscrición para participar deste proxecto aínda está aberto e poderá realizarse a través da páxina web de Voluntariado Galego.