CulturaCulturaÚltima hora

O proxecto “Córgomo Arte” regresa á presencialidade con “REconeXión”

Abrirá de novo as súas portas o vindeiro 10 de decembro, ás 17h. Sala Conde e Torino de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras).

Os creadores Torino e Conde./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Despois da obrigada paréntese da pandemia, o proxecto “Córgomo Arte”, co que os creadores Torino e Manuel Conde levan case unha década apostando por levar a creación contemporánea ao rural valdeorrés, volve á presencialidade. A súa exposición abrirá de novo as súas portas o vindeiro 10 de decembro, ás 17h. Sala Conde e Torino de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras).

“Neste tempo de ausencias, virus e lumes arrasaron coa vida e a natureza que habitamos e que habita en nós. Fíxonos conscientes da vulnerabilidade da nosa propia existencia e da do medio que nos sustenta. Quizais o máis doado sería caer no desalento, no deixar correr, na crítica baleira, pero nós cremos que é o momento de facernos preguntas, de cuestionarnos cal é o noso papel e como podemos participar dun futuro mellor para o mundo que nos rodea. Córgomo Arte naceu con esa mesma filosofía, facer da creación un exercicio de honestidade e da arte unha ferramenta para a reflexión e a busca de respostas. Detrás de cada obra sempre hai unha persoa que ten algo que dicir. É por isto que Córgomo Arte non se axusta a unha definición sinxela: non é un certame, nin un lugar, nin sequera un grupo aleatorio de persoas interesadas pola arte, senón que significa unha forma de entender a vida e de compartila cos demais. Somos porque estades aí, festexando connosco cada Nadal”, explican dende a organización.

Matizan ademais que “as ganas de volver xuntarnos foi a única motivación desta X Edición, que leva por título “REconeXión”. Quixemos que a deste ano estivera marcada pola proximidade, así que moitos dos artistas que acompañarán a Conde e Torino están vencellados dalgún xeito coa comarca de Valdeorras”.

Así, contarase coa presenza de Noé Blanco, Carmen Cabaneiro, Arturo Ceide e Beatriz Pérez (in memoriam), Pili Chaos, Juanjo de la Comba, Saúl Conde, Enrique Fernández Prada, Sabela Mato e Carme López Macías, mai de Manuel Conde, a quen se lle adicará este encontro tan especial.

“Ela representa a forza dunha xeración loitadora, especialmente damnificada pola Covid e por outra enfermidade contemporánea aínda peor, a soidade. Sen ela Córgomo Arte non sería o mesmo. Sempre silenciosa, fai parte imprescindible da organización, é apoio incondicional e ilusión compartida. Como cada ano abriranos as portas da súa casa para todos poidamos gozar da arte”.

A exposición permanecerá aberta ata o 8 de xaneiro, en horario de 10 a 22 h. en fins de semanas e festivos.

 

Artigos relacionados

Back to top button