PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo pide que se convoquen plenos ordinarios

A concelleira socialista de Viana do Bolo, María Páez.

 

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo vén de emitir unha nota de prensa na que asegura que o Partido Popular “incumpre de xeito sistemático os acordos plenarios acadados no seu momento e no que se contemplaba a celebración dos plenos ordinarios cada dous meses”.

Din os socialistas que non se convocan plenos ordinario “dende o pasado mes de marzo e opta por plenos extraordinarios nos que tan só se trata a orde do día elaborada por eles mesmos”. Dende a Agrupación Socialista de Viana do Bolo critican este xeito de actuar e consideran que con el “o goberno municipal trata de impedir o labor fiscalizador dos grupos da oposición, xa que non permiten presentar mocións, nin formular ningún tipo de pregunta”.

Neste senso, os socialistas tamén critican que “nos últimos meses foron varias as mocións que o equipo de goberno se negou a debater. Mocións como a creación dun aparcadoiro a carón da Praza Maior de vital importancia para o municipio” ou como outra para o arranxo da estrada de Edroso.

No relativo a preguntas, os socialistas sinalaban na nota de prensa que queren “ter información sobre a construción dun centro de día, despois de que o pleno aprobase a moción do PSOE nestes termos e trala cesión por parte do Bispado dos terreos para que se levase a cabo. Indican que ata o de agora nada se ten feito, nin se sabe cando comezarán as obras. Situación similar acontece con outra moción aprobada sobre o gas radón”.

Ante esta situación dende o Grupo Municipal Socialista esixen a convocatoria dun pleno ordinario a “maior brevidade” posible co fin de debater estas cuestións.

Artigos relacionados

Back to top button