PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE de Viana propón crear un aparcadoiro público xunto á praza Maior da vila

Vén de presentar unha moción sobre esta cuestión que se abordará na próxima sesión plenaria do Concello de Viana

Finca proposta para aparcadoiro en Viana do Bolo./ Cedida.

 

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno que a Corporación vianesa celebrará o vindeiro 26 de maio na que insta ao Concello á creación dun aparcadoiro público a carón da Praza Maior do Municipio. Os socialistas argumentan que a vila adoece de espazos onde poder estacionar os vehículos cando a veciñanza e os visitantes acoden a realizar xestións nas dependencias municipais, nas oficinas bancarias ou a mercar no comercio e tendas locais. O obxectivo é atopar un lugar para estacionar os vehículos o “máis preto posible” de onde se atopan os principais servizos utilizados pola veciñanza.

Dende o Grupo Municipal Socialista de Viana destacan que “preocupados” pola “penosa” imaxe que presenta a Praza Maior, “ateigada” de vehículos que “non respectan” as ordenanzas municipais, vendo a “incomodidade” para que isto supón para os peóns e pensando en “facilitar” o día a día da xente que se achega a realizar xestións, decidiron estudar a “mellor e máis viable solución para esta problemática”.

Os socialistas mantiveron contactos coa propietaria da coñecida como “finca do Jesusín”, que segundo apuntan “podería encaixar perfectamente na proposta que levamos ao pleno, xa que se atopa a carón da Praza Maior, conta con varias entradas e saídas e as súas dimensións permiten acoller a unha gran cantidade de vehículos”.

Nos contactos mantidos coa propietaria desta finca, os socialistas destacan que “temos que subliñar a boa acollida e atención que nos dispensou nas varias conversas mantidas, ademais da súa dispoñibilidade a colaborar, situación que temos que agradecer”. Neste senso dende o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo explican que tamén se tratou “a posibilidade de utilizar o acceso a dita finca pola casa popularmente coñecida coma Julia, que se atopa nos soportais da Praza Maior e que, no seu día, foi arranxada e tapiada polo consistorio, cando se emborrallou e ante a dificultade de atopar aos herdeiros”.

Os socialistas consideran que esta solución “permitiría acceder dende a praza e estacionar os vehículos a carón da mesma”. Ademais, segundo argumentan “hai máis accesos a dita finca, contando cunha entrada pola rúa da Costa da Galega e outra máis ao comezo da estrada da rúa, onde se sitúa a casa de Amadeo”. No texto da súa moción os socialistas avogan porque se “estude” a solución “máis axeitada” para promover actuacións semellantes as levadas a cabo en concellos como Verín ou O Barco de Valdeorras que “optaron por estes aparcadoiros que están resultando moi beneficiosos tanto para a veciñanza como para os propietarios”.

Artigos relacionados

Back to top button