PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE pedirá no pleno provincial a ubicación en Ourense dunha empresa pública para xestionar as centrais hidroeléctricas españolas coa concesión caducada

Así se recolle nunha moción que daban a coñecer hoxe no encoro do Bao en Viana e que se debaterá no vindeiro pleno

Publicidade
Deputados provinciais socialistas e o concelleiro do Bolo, na presentación da moción no encoro do Bao en Viana do Bolo./ Cedida.

 

O PSdeG-PSOE reclamará, a través dunha iniciaiva que se debaterá no vindeiro pleno da Deputación de Ourense, a ubicación en Ourense dunha entidade pública empresarial, para xestionar as centrais hidroeléctricas de toda España ás que lles caduque a concesión. Os socialistas defenderán a “constitución desta empresa con sede social, fiscal e operativa na provincia, para a xestión directa das centrais que retornan automaticamente ao patrimonio do Estado trala fin da concesión administrativa”, segundo recolle o texto da iniciativa.

Diante do encoro do Bao, no municipio ourensán de Viana do Bolo, deputados e concelleiros socialistas presentaban esta moción, indicando que se trata dunha medida “moi atractiva a curto e medio prazo que se axustaría perfectamente ao marco regulatorio europeo” e que permitiría “devolver á provincia parte dos beneficios da explotación dos seus recursos naturais”.

O deputado socialista provincial, Aurentino Alonso, criticou o baleirado agresivo dalgúns dos grandes encoros da provincia nunha situación inédita, mentres o voceiro socialista na Deputación, Rafa Villarino, destacou a importancia desta empresa pública ante o debate sobre o modelo enerxético pero tamén como medida impulsora da economía provincial.

“Non estamos a plantexar nin a compra de bens nin a execución de novos investimentos” matizan, pois “trátase de agardar que caduquen as concesións” de infraestruturas que “están suficientemente amortizadas”. Ademais apuntan que a lexislación sobre o dominio público hidráulico “xa recolle esta posibilidade: ao extinguirse o dereito concesional, reverterán á administración competente, gratuitamente e libres de cargas, cantas obras fosen construídas dentro do dominio público hidráulico para a explotación do aproveitamento”.

En Ourense existen medio cento de encoros, aseguran, e “a concesión máis lonxeva será a dos Peares, que acabará no 2059, pero na década comprendida entre 2010 e 2020 xa expiraron dúas –unha solicitou a prórroga– e na presente expirará unha máis. Será entre 2030 e 2040 (10 extincións); entre 2040 e 2050 (16) e a partir de 2060 (17) cando rematen a meirande parte destes aproveitamentos millonarios”.

No conxunto de España, expliaban, “durante os próximos dez anos, expirará a concesión dunha trintena de centrais e decenas de pequenos saltos. Son centos de megavatios, preto dun milleiro, que recibirá o patrimonio público e que poderían ser xestionados desde Ourense a través dunha empresa pública con importantes beneficios para todos e todas”, aseveran desde o PSdeG-PSOE.

“Cremos fundamental que, este recurso natural que produce un ben de primeirísima necesidade como a electricidade, poida ser xestionado tamén a través dunha empresa pública” que actúe “en base ao interese xeral, contribuíndo á redución dos prezos finais que se aplican aos clientes; á integración das renovables; á estabilidade da produción e á garantía de subministración”, explican os socialistas.

“Esta entidade pública permitiría crear un número significativo de postos de traballo e a tributación aquí da súa actividade e a das auxiliares constituídas na súa contorna, sería un importante pulo económico para un territorio como Ourense, necesitado de emprego”, explican antes de recordar que “tamén axudaría a loitar contra o problema demográfico e afondaría no compromiso asumido polo Goberno central de descentralizar institucións desde Madrid a outras provincias para frear o despoboamento”.

“Galicia é, xunto con Castela e León, a comunidade española con maior potencia hidráulica instalada e Ourense é unha das provincias que encabeza a xeración de enerxía hidroeléctrica, polo que cremos que isto ten que reverter no noso territorio e nas súas xentes”, conclúen.

Artigos relacionados

Back to top button