PolíticaÚltima hora

O PSdeG reclamará 20,2 millóns de euros para Valdeorras nos orzamentos da Xunta

Así o anunciaba a deputada ourensá Marina Ortega no Barco, nunha rolda de prensa na que estaba acompañada por alcaldes e concelleiros valdeorreses

 

O PSdeG-PSOE presentará enmendas no Parlamento galego para pedir un investimento duns 20.280.000 euros para Valdeorras nos orzamentos da Xunta. Así o anunciaba a súa deputada por Ourense, Marina Ortega, acompañada por representantes socialistas na comarca, entre eles o deputado provincial e concelleiro barquense, Aurentino Alonso, os alcaldes de Vilamartín e Petín, e concelleiros da Veiga e do Bolo. “Consideramos que a Xunta de Galicia ten que ter moi en conta a Valdeorras, é clave para a reactivación futura desta provincia. Cremos a veciñanza de Valdeorras ten que ser considerada e tida en conta pola Xunta cunha discriminación positiva para unha comarca que está moi alonxada respecto do resto”, aseguraba a parlamentaria socialista Marina Ortega.

Ademais explicaba que as emendas que presentará o partido socialista con respecto a Valdeorras nos orzamentos inciden, principalmente, en tres consellerías: Política Social, Sanidade e Infraestruturas. “Política Social ten que dotar de servizos, dunha atención e coidados de calidade aos nosos maiores nesta comarca, e tamén ás persoas que teñen dependencia”, dicía Ortega, que se refería a proxectos concretos como a creación dunha residencia de maiores en Petín.

Con relación á Consellería de Sanidade, aseguraba que “non pode deixar atrás a Valdeorras, téñense que recuperar de xeito inmediato todos os servizos e especialidades que se perderon no Hospital de Valdeorras”. E xa en materia de Infraestruturas anunciaba que o partido socialista presentou emendas reclamando a mellora do trazado da estrada OU-533 (A Rúa-A Gudiña), para garantir unha mellor accesibilidade á conexión co AVE, unha obra de seguridade na OU-603, “tamén queremos que se teña en conta a OU- 807. E queremos que sexan partidas, ademais, partidas independentes, é dicir, que non se aglutinen todas as estradas, senón que se desglose por estrada para que sexan máis eficientes dentro dos orzamentos”. Finalmente, defendía servizos transportes entre localidades da comarca e co resto de Galicia.

 

A deputada ourensá do PSdeG-PSOE, Marina Ortega.

 

A continuación, Aurentino Alonso, detallaba cada unha dos proxectos e partidas que pedirá o grupo parlamentario socialista para Valdeorras nos orzamentos galegos, comezando polas referidas a infraestruturas. “Considermos a estrada OU-533 estratéxica para Valdeorras porque o AVE suporá unha vía de conexión desta comarca co resto de España e mesmo con Europa. É certo que aparece unha cantidade económica reflexada no orzamento, 1,5 millóns de euros para o 2022 e 6 millóns para as anualidades de 2023, 2024 e 2025, pero non é unha partida específica para esta estrada, senón que está compartida coa OU-540, que vai de Celanova á fronteira portuguesa, entón a pregunta é ¿canto vai ir orzamentado para cada unha delas?”.

Ademais Alonso referíase á necesidade de realizar unha obra de seguridade para os viandantes e peregrinos na OU-603 e que se acometa a mellora da OU-0807, a estrada a San Vicente de Leira (Vilamartín), un “problema que se leva arrastrando 30 anos”. Outra as peticións incluídas é o proxecto da Ponte de Barxa (O Bolo).

Así mesmo, as emendas socialistas piden que se invista na modernización das instalacións do Hospital Público de Valdeorras, “cun investimento moito menor que outros hospitais de Galicia” e a creación dunha residencia de 75 prazas en Petín, entre outros temas.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button