DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O Rallye de Ourense pecha a 50ª edición con éxito de participantes e público

Dos 102 inscritos, 56 equipos completaron a carreira por terras ourensás, a cuarta proba do campionato de España de Rallyes

Un ano levaban os afeccionados ao motor de toda Galicia e moi especialmente a cidade de Ourense, agardando a edición na que a mítica carreira de automobilismo celebraba as vodas de ouro. E chegaba cun éxito rotundo, non só en canto a número de inscritos (102) senón á calidade dos pilotos e dos coches e por suposto da afección, que respondeu como nunca.

Na tarde do 10 de xuño, o 50 Rallye de Ourense-Memorial Estanislao Reverter, baixaba o pano despois de dúas intensas xornadas de carreiras, unha das novidades con respecto á anterior edición, vén recibida por pilotos e algúns afeccionados (outros aseguraban que o venres era máis difícil asistir por mor do traballo). Outra das novidades, foi o cambio da zona de asistencia, de Expourense á Cidade do Transporte en San Cibrao das Viñas, e a inclusión de dúas etapas nocturnas (as segundas pasadas de A Peroxa e Toén-Castrelo).

Con 95 equipos (dos 102 inscritos seis non foron autorizados e Joan Vinyes finalmente non saía), arrancaba esta edición do rallye ourensán na tarde do 9 de xuño con dous tramos cronometrados a dobre pasada: A Peroxa con 29.180 Km e Toén-Castrelo con 15. Xa neses dous tramos se deixaron ver centos de afeccionados, xente maior e tamén cativos (entre eles Dylan Rodríguez de apenas tres meses), pero foi na mañá da segunda etapa cando os amantes do motor, do asfalto e da gasolina, enchían as beirarrúas, os campos e os montes polos que ían pasar os coches. Coma sempre, os afeccionados valdeorreses en primeira fila.

Tres foron os tramos do sábado 11 de xuño, coma sempre a dobre pasada: Esgos (con 15 km), o mítico Canón do Sil (que con 32 km foi neutralizado na pasada da tarde tralo accidente de “Cohete” Suárez) e Melias (14 km), e xa dende ben cedo a xente comezaba a posicionarse no primeiro deles, o de Esgos. Os pilotos que compiten no nacional de rallyes non arriscaron pero os que corren por pracer fixeron as delicias do público cos derrapes, trompos e aceleróns.

Malia o calor, que de novo marcou o desenvolvemento da carreira, o Rallye de Ourense superou o medio século de vida con nota e con 56 equipos en meta. Entre eles o do gañador Cristian García e Rebeca Liso; o de Iván Ares e José Antonio Pintos; e o dos irmáns Pedro e Marcos Burgo. Entre os que non acabaron, os irmáns Vallejo (que sufría unha avería no Canón do Sil), Joan Vinyes (que xa sufría un percance no shakedown) e unha das estrelas desta edición, José Antonio Suárez “Cohete” que facía honra ao seu apelativo ata que sufría un accidente no último pase do tramo de Meliás.

O broche á festa do motor en Ourense tiña lugar nun dos pulmóns da cidade, o Xardín do Posío, coa entrega de premios, poñendo a ollada xa na seguinte edición.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información nos seguintes enlaces:
https://osil.info/o-de-ourense-e-un-rallye-rapido-con-moito-cambio-e-duro-e-diferente/
https://osil.info/cristian-garcia-correr-nas-vodas-de-ouro-rallye-que-via-de-pequeno-e-que-ganei-o-ano-pasado-e-unha-motivacion-extra/
https://osil.info/cristian-garcia-faise-novamente-co-primeiro-posto-nas-vodas-de-ouro-rallye-ourensan/

 

Artigos relacionados

Back to top button