A 50 edición do Rallye de Ourense chega ao seu fin co triunfo, novamente, do corredor Cristian García do RMC Motorsport, e a súa copiloto, Rebeca Liso. O zaragozano revalida así a súa primeira posición nesta histórica competición. García asegurou estar “moi contento” e reiterou que a proba “foi moi dura xa que había tramos moi sucios con moito risco e había que ir esquivando”. O Xardín do Posío rendeulles unha enorme ovación a estes dous gañadores das vodas de ouro do Rallye das Burgas. Ambos recibiron o premio de mans do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e do presidente da Real Federación Española de Automovilismo, Manuel Aviñó.
Durante a entrega, todos o público asistente ao Xardín do Posío encheu de aplausos e ovacións a todos os pilotos mentres ían chegando ás instalacións. Cansados e derreados polo intenso Rallye, os pilotos buscaban hidratación e unha sombra onde poder repousar os quilómetros que fixeron.
Seguindo co podio, en segunda posición quedou o galego Iván Ares, da Escudería Yacar Racing. Acompañado do seu copiloto, José Antonio Cintor. Estes dous corredores conseguiron acadar esta posición na segunda pasada do Canón do Sil, tras o abandono de José Antonio Suárez por unha saída da estrada. Iván asegurou que onte, 9 de xuño, no primeiro tramo “pensabamos en abandonar a competición” pero finalmente conseguiron este segundo posto. Ares agradeceu á afección “o seu total apoio”. Jorge Pumar, vicepresidente primeiro da Deputación, e Antonio Ferández, presidente da Escuderia Ourense, foron os encargados de darlles o premio.
A terceira posición foi para os irmáns Burgo, Pedro e Marcos, de ACSM Rallye Team. Ambos sentíronse moi emocionados por acadar o podio a pesar de que “foi moi difícil, duro e longo” dixo Marcos. Así é todo, Pedro Burgos simplemente dixo unha palabra: “gracias”. Ambos recibiron o premio de mans da delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e do subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro.
No eido dos premios especiais. Mario Guede, presidente do Consello de Deportes de Ourense, fixo entrega da Copa de España para vehículos FIA aos gañadores, Cristian García e Rebeca Liso. Un trofeo que se vén entregando dende o ano 1967 ao gañador do Rallye de Ourense. Estes dous corredores tamén recibiron o premio de Rallye de Asfalto R5 da FIA, galardón que lles entregou Alejandro Rubín, presidente de Expourense e a concelleira de Democracia Ourensana, María Fernández.
O galardón nacional Rallye de Asfalto 2RM foi para Adrián Díaz e Andrea Lamas, de Suzuki Motor Iberica. Recolleron o trofeo de mans do concelleiro de Democracia Ourensana, Manuel Álvarez, e do xefe provincial de Tráfico, David Llorente. Seguidamente, o premio de Asfalto R2 foi para os corredores da Escudería Ourense, Javier Pardo e Adrián Pérez e o Rallye de Asfalto N3 foi tamén para escudería Ourense, concretamente para os corredores David Cortés e Rubén Soto.
Tamén entregouse o premio Fundación Santiago Reverter a Celso Freire, por seres o primeiro na categoría de vehículos históricos co seu BMW 323-i. O premio foi entregado polo propio Santiago Reverter e polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Este premio entregábase antes ao piloto nobel “polo seu esforzo”, dixo Reverter, pero logo cambiouse e déuselle ao piloto veterano, tamén para recoñecer ese esforzo.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Texto: Carlos Asensio.