ConcellosÚltima horaViana do Bolo

O “Regueifa Tour” chega este venres, 12 de xaneiro, a Viana do Bolo

Será ás 18.30, na Sala de Exposicións do Concello da man das Regueifeiras da Semente

 

Co obxectivo de levar a improvisación oral a espazos onde se reúna xente nova en festas de poesia cantada, fóra do horario escolar, o venres 12 de xaneiro o “Regueifa Tour” chega a Viana do Bolo. Será ás 18.30, na Sala de Exposicións do Concello, onde as regueifeiras da Escola Semente de Compostela (Estrela do Courel, Nântia, Maré a Muda e Joana de Toba) farán unha mostra da vitalidade da regueifa, forma de improvisación propia do occidente galego. A brindadora do Courel, Tegra Veiga, improvisará brindos, o xénero de poesía cantada improvisada da montaña courelá.

“Na comarca de Viana a improvisación poética asóciase ao Entroido. Como exemplo de versos improvisados temos os brindes da comparsa da Chaira de Viana do Bolo. Tamén da comarca, os brindes ou bombas de Mormentelos e Castiñeira, em Vilariño de Conso son un dos valores máis orixinais do repentismo galego”, asegura Ovidio, profesor no IES Carlos Casares de Viana.

O “Regueifa Tour” cuxo fin é tecer unha rede de adolescentes coa improvisación oral e o activismo en defensa da lingua galega como nexos de unión, é unha xira impulsada polas Regueifeiras da Semente que comezou en Vigo, e xa pasou polo Courel, Vilaba e Vila de Cruces. Despois de Viana do Bolo, as vindeiras actuacións serán no País Vasco (en Lekeitio, Derio e Donostia). Tamén visitarán Portugal. “O obxectivo, conectar as diferentes foemas de improvisación poetica, desde a regueifa, os atranques do entroido do Ulla ou o brindo do Courel até o bertsolarismo vasco”, explican dende a organización.

 

Artigos relacionados

Back to top button