A Primavera de portas abertas que a Xunta leva a cabo en colaboración coas cinco entidades impulsoras das rutas dos viños galegas e que se desenvolverá ata o mes de xuño nos distintos territorios vitivinícolas, chega esta fin de semana á denominación de orixe do Ribeiro.
Participan 11 adegas, tres restaurantes e cinco aloxamentos e está programadas numerosas actividades como oferta variada de tapas especiais nos establecementos participantes, visitas nocturnas ao patrimonio de Ribadavia, percorrido por viñedos enolóxicos, degustación de vermú artesanal ou percorridos en barco para coñecer mellor a denominación de orixe máis antiga de Galicia, entre outras actividades que se poden consultar na web de Turismo de Galicia.
Esta é a terceira fin de semana da iniciativa, que se iniciou na denominación de orixe de Valdeorras. A Primavera de Portas Abertas continuará ata xuño nunha denominación de orixe por cada fin de semana. Así, do 24 ao 26 de maio na Ribeira Sacra e do 31 de maio ao 2 de xuño en Monterrei.
En total, en todos os territorios vitivinícolas están programadas más de 60 actividades como catas a cegas ou con observación astronómica, paseos en barco ou visitas aopatrimonio cultural. Este ano ampliouse o Bus do Viño ao incorporar a cidade de Ferrol entre as saídas, que tamén inclúen A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e Ponferrada.