
Na fin de semana do 30 e 31 de outubro, pechando a competición deste 2021, disputábase na contorna da estación o Trofeo Federación DHI Manzaneda Bike Park by Giant. Un campionato que reunía aos mellores riders galegos entres os que non podía faltar o valdeorrés Javier Fernández Quiroga.
O sábado realizábanse os adestramentos libres e o domingo tiña lugar o campionato oficial coa manga clasificatoria. Malia a dureza do terreo e o mal tempo, con chuvia e néboa que reducía o número de participantes, Javier (Bicicletas Chinquena) subía unha vez máis ao podio, co segundo posto na final scratch elite que lograba nun tempo de 3:21.583.
