CulturaCulturaMúsicaÚltima horaVídeos

O rock de Perro Futuro, en directo no Doble 00 de Petín o sábado 19 de abril

 

O vindeiro sábado 19 de abril, en plena Semana Santa, o Doble 00 de Petín acollerá un concerto de rock a cargo de Perro Futuro, unha banda con orixes en Ponferrada e Vigo que chega a Valdeorras para presentar a súa potente música, na que apostan por creacións propias.

O grupo conta con pouco máis dun ano de vida, comezos de 2024, cando “dous vellos coñecidos xúntanse cun terceiro en discordia”. Son Diego Amigo (baixo e voz), Xoan Otero (guitarra e coros) e Suso Valcárcel (batería), os tres cunha dilatada experiencia como instrumentistas, produtores, músicos de sesión e de directo para outros grupos (como é o caso de Suso Valcárcel).

 

 

Bandas como Deklive, Supernatural ou Autopía (onde xa tocaron xuntos durante 2022 e 2023) foron algúns dos seus anteriores proxectos, tal como eles mesmos contan, debutando como Perro Futuro en setembro do ano pasado nas Festas Patronais de Ponferrada “deixando un bo sabor de boca aos asistentes”, e desde entón non pararon de programar concertos, destacando o da Sala Master Club (Vigo) o 31 de novembro ou o Festival Calo Fest (San Ciprián, Lugo) o 27 de decembro.

Actualmente seguen en proceso de produción (mesturando e masterizando) os que serán os seguintes sinxelos que verán a luz ao longo do ano. Temas como Rey María, Puro Cristal, La Faraona ou Lorenzo en Llamas que tan ben están funcionando nos seus directos e que poderá escoitar o público que se achegue nesta Semana Santa ata o Doble 00 de Petín. O concerto será a partir das 23 horas con entrada gratuíta.

 

 

Imaxes: Perro Futuro.

Artigos relacionados

Back to top button