A VeigaConcellosÚltima hora

O rural protagoniza o Nº 7 da revista ‘Nós, a Xente do Redor’ presentado na Veiga

Carlos Ares (Viana do Bolo) e Paco Ascón (Xares) son dous dos colaboradores que asistían ao acto celebrado o 10 de xullo na sala de conferencias do Toural

 

O mundo rural, dende os ámbitos cultural, educativo, tradicional e económico, é un dos grandes protagonistas do Nº 7 da revista cultural ‘Nós, a Xente do Redor’. De feito conta entre os seus colaboradores con dúas persoas directamente vencelladas ao interior de Galicia, máis concretamente da provincia de Ourense: Carlos Xabier Ares Pérez, escritor e investigador social natural de Viana do Bolo; e Paco Ascón, pintor asentado dende hai décadas en Xares (A Veiga). Por iso non foi casualidade que precisamente A Veiga, concello que dirixe Juan Anta, fose o lugar elixido para a súa presentación na xornada deste domingo 10 de xullo.

Segundo o programa previsto, en torno ás 12 horas comezaba o acto no salón de conferencias do Toural. Alí unha trintena de colaboradores, autores e amigos do colectivo ourensán Nós, a Xente do Redor, compartiron a xornada coas xentes da vila e convidados chegados dende diferentes puntos de Galicia.

 

Carlos X. Ares Pérez durante a súa intervención na mesa redonda.

 

A presentación deste novo número da revista estivo conducida por Marina Sánchez, poeta ourensá que colabora co colectivo, que abríu o turno de intervencións dándolle a palabra ao alcalde da Veiga Juan Anta quen agradeceu a presenza aos asistentes, dándolles a benvida e destacando que o seu é un concello aberto e estaba encantado de ter a toda esa xente alí. Despois tocoulle o turno a Avelino Jácome o precursor do colectivo e da revista, responsable tamén da súa publicación, quen deu as grazas ao alcalde por acollelos cedendo a palabra a Paco Ascón, autor do cadro que ilustra a portada da publicación presntada onte. Ascón asegurou sentirse moi honrado de que a revista levase na portada unha imaxe de Xares pintada por el, dando as grazas a todas as persoas do colectivo que se desprazaron dende Ourense ata A Veiga para asistir ao acto.

Tralas intervencións e coma se de bombóns se tratase, a presentadora ía chamando un a un aos colaboradores para entregarlles un exemplar da revista e tamén unha lámina a cor co cadro de Paco Ascón. Ademais de ilustrar a portada, Ascón tamén colaborou neste número cun artigo sobre Xares o pobo que considera seu, “onde a beleza sempre te sorprende”, di. O outro colaborador vencellado coa parte máis oriental da provincia de Ourense, Carlos Ares, escribiu un artigo sobre o home de Prada, un personaxe que saía no Entroido, facendo especial fincapé nos aspectos mitolóxicos. Tal como explica o propio Carlos, que ten feito un estudo sobre o concello da Veiga, sabendo que a presentación ía ser precisamente neste lugar “ocorréuseme falar sobre o municipio, máis concretamente de Prada”.

 

Paco Ascón, autor da portada do Nº 7 da revista ‘Nós, a Xente do Redor’.

 

O acto, que foi intercalando as intervencións coa música (de guitarristas, de acordeonistas e dos Tarabelos, grupo de Armando González López poeta que fai moitas das letras a María do Ceo e tamén o himno do Couto Mixto), remataba cun xantar de confraternidade no restaurante Río Xares.

E xa pola tarde, comtinuaba a xornada organizada polo colectivo Nós, a Xente do Redor en colaboración co Concello da Veiga, cunha mesa redonda sobre as “Implicacións culturais e ensino, tradición e desenvolvemento no medio rural” no que participaron o alcalde, Juan Anta; Benito Eladio Rodríguez, escritor, poeta e adegueiro; Carlos Xabier Ares, investigador social; César Luis  Santamarina, economista e escritor; Piedad Valencia, mestra xubilada con grande experiencia no medio rural; Paco Ascón, pintor, escritor e veciño de Xares; Adela Figueroa, Licenciada en Ciencias Biolóxicas pola USC, catedrática de Bioloxía-Xeoloxía, escritora e poeta; e Avelino Jácome, empresario ourensán do sector da Publicidade e a Comunicación, escritor e editor.

Jácome foi o moderador da charla-coloquio na que cada un dos participantes falou da importancia do rural dende a súa perspectiva e ámbito de actuación, sendo o encargado de abrir e clausurar o evento co reiterado agradecemento por parte do alcalde pola asistencia.

Fotos: Ares Pérez.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button