ConcellosÚltima hora

O Sábado do Entroido será o día central desta festa en Vilariño de Conso no 2020

Un dos folións do municipio de Vilariño de Conso, durante o desfile do Domingo Gordo deste ano./ Foto: A.R.

 

Despois de moitos anos celebrando o Domingo Gordo como data grande do Entroido, Vilariño de Conso volverá no 2020 a pasar o día central desta tradición ao Sábado do Entroido, é dicir, o día 22 de febreiro. Así o vén de facer público a través dunha nota de prensa a directiva da Asociación Cultural “Xuntos polo Fulión”, que organiza esta festa en colaboración co Concello.

“A asociación e o Concello de Vilariño de Conso chegamos a un acordo que afecta ás datas de celebración da Festa do Cabrito e ao desfile de fulións, que se realiza ese mesmo día. Vilariño volve a celebrar o seu día central do Entroido en sábado, debido a un acordo entre socios desta entidade”, adiantan.

Ademais dende a Asociación “Xuntos polo Fulión” explican que “a proximidade de distintas celebracións nese mesmo día (o domingo) foi o que levou a tomar tal decisión, xa que imposibilitaban a presenza dun maior número de persoas, tanto a nivel participativo, como turístico. Preténdese facer un evento máis amplo e dinamizar o noso Entroido e Vilariño”.

Deste xeito, os actos relacionados co Entroido do 2020 desenvolveranse entre os días 13 e 26 de febreiro e a XXXI Festa do Cabrito, “e con ela os demais actos desa xornada, celebraranse o 22 de febreiro, sendo a intención a de manter esta decisións para as vindeiras edicións”, matiza a asociación na súa nota de prensa.

Artigos relacionados

Back to top button