ConcellosO BoloÚltima hora

O Santuario das Ermidas (O Bolo), entre os 6 bens patrimoniais escollidos na campaña “Que siga contando a nosa historia”

O obxectivo desta acción da Xunta é fomentar a sensibilización, impulsar o coñecemento dos bens e incentivar boas prácticas e iniciativas de preservación

Cedida.

A Xunta de Galicia lanza a campaña Que siga contando a nosa historia coa que se busca “fomentar a sensibilización cidadá sobre a importancia do coidado do patrimonio cultural da Comunidade autónoma. Deste xeito, preténdese reivindicar o inmenso valor que ten na configuración da nosa historia e identidade para as xeracións actuais e futuras”, indican dende a administración galega.

O obxectivo desta acción da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é “fomentar a concienciación da cidadanía, impulsar o coñecemento sobre estes bens e incentivar as boas prácticas e iniciativas de preservación que permitan que un dos maiores tesouros de Galicia sexa legado ás xeracións vindeiras nas mellores condicións”. Para iso, a Administración autonómica elixe seis bens patrimoniais da Comunidade, entre os que se inclúe algún con máis de 400 séculos de historia, que representan a gran riqueza patrimonial de todo o territorio con exemplos de diferentes tipoloxías, estilos, épocas e zonas.

En concreto, a campaña “Que siga contando a nosa historia” difunde imaxes de bens como o mosteiro de Santa María de Oia e a catedral de Santa María de Tui, en Pontevedra; o convento de Santo Antonio de Herbón, en Padrón (A Coruña); e o santuario das Ermidas no Bolo (Ourense). De igual xeito, tamén se difunde a relevancia para o noso patrimonio da Cova de Eirós, en Triacastela (Lugo) e do campamento romano de Ciadella, en Sobrado dos Monxes (A Coruña).

Deste xeito, o departamento que dirixe José López Campos procura trasladarlle á cidadanía un recordatorio dos anos e séculos que levan estes elementos entre nós axudando a construír a identidade de Galicia como pobo. Ao poñelos en valor, a campaña fai un chamamento á responsabilidade colectiva para impulsar a sensibilización e evitar comportamentos incívicos que, aínda que son illados, poden danar o noso patrimonio cultural, que conta en total con 781 Bens de Interese Cultural (BIC), así como milleiros de bens catalogados.

Continuidade á campaña Por outros tantos máis

Coa campaña Que siga contando a nosa historia tamén se quere trasladar aos galegos e ás galegas que a conservación do patrimonio é unha tarefa compartida que require tamén dun esforzo conxunto da sociedade.

Precisamente, esta campaña dá continuidade á Por outros tantos máis, que se puxo en marcha por estas datas o pasado ano, difundindo o valor e protección de bens como a Catedral de Santiago de Compostela, o Santuario de Santo Andrés de Teixido en Cedeira, a Muralla romana de Lugo ou o Mosteiro de San Pedro de Rocas en Esgos. Aparecen tamén o Castro de Viladonga en Castro Rei, os petróglifos do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, os Muíños do Folón e do Picón no Rosal ou a Igrexa da Veracruz no Carballiño.

Artigos relacionados

Back to top button