O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, coñecía de primeira man a realidade de Valdeorras neste xoves dende o punto de vista sanitario como da situación das súas infraestruturas, e tamén no referente aos seus principais sectores produtivos. Mantiña unha intensa xornada de visitas e reunións que comezaba ás 11:30h. na praza do Concello do Barco, onde era recibido polo seu alcalde e membros do equipo de goberno municipal, polos deputados galegos Eduardo Ojea e Carmen Rodríguez, e polo senador Miguel Bautista, así como polo secretario provincial do partido, Rafael R. Villarino.
Despois Formoso trasladábase ata o Hospital Público de Valdeorras para asistir á concentración semanal en defensa dunha “sanidade digna” para esta comarca. Alí urxíu á Xunta que “poña “enriba da mesa incentivos e tome as medidas necesarias” para mellorar as condicións laborais dos profesionais sanitarios e para dotar a este hospital de especialistas.
A continuación mantiña un encontro coa militancia na sede do partido socialista no Barco e, deseguido, desprazábase ao Concello do Barco, onde se reunía co presidente e co xerente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo e Severino González, respectivamente, para coñecer a realidade e as demandas deste importante sector produtivo. Na xuntanza tamén participaban o secretario provincial do PSdeG, Rafael Rodríguez Villarino; o alcalde do Barco, Alfredo García, e o senador Miguel Bautista.
Xa pola tarde, González Formoso visitaba o Consello Regulador da D.O. Valdeorras, cuxa sede se atopa provisionalmente no Centro Cultural de Santa Leonor de Vilamartín (polas obras que se están a realizar no edificio que alberga a este organismo) e, finalmente, achegábase á Bodega Cooperativa Xesús Nazareno do Barco, onde coñecía o seu proceso de elaboración dos seus viños e percorría as súas instalacións.
Fotos: A.R./ Carlos G. Hervella.