As características técnicas da lousa e os sistemas de colocación desta pedra natural valdeorresa, principalmente o sistema de construción para fachada e para cuberta transventiladas, eran algunha das cuestións nas que o doutor en Arquitectura e experto en Enxeñería da Edificación e Execución de Obras, Santiago López Piñero, se centraba na conferencia que impartía esta mañá no salón de Graos da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña. A súa intervención levaba por título “A lousa galega: Prestacións e construción”.
Tamén incidía na evolución que ten suposto, cos anos, a colocación da lousa aplicando estes sistemas xa que “os colocadores están moi formados, destaca a súa gran profesionalidade porque teñen un nivel moi alto de especialización, algo fundamental á hora de colocar un produto”, apuntaba o relator.
O feito de que a lousa e os seus sistemas de colocación sexan presentados por expertos como Santiago López, aos futuros arquitectos, exponse desde a perspectiva de “un sector esencial na nosa economía, tan intensivo en emprego como en produción” que, segundo explica o presidente do Clúster, Víctor Cobo, “permite combater o despoboamento do rural”, debido a que xera “uns 2.400 empregos directos e preto de 10.000 postos de traballo indirectos”. Para Cobo, “a lousa forma parte da minería, un sector estratéxico na economía galega”.
Na liña de accións conxuntas que o Clúster da Pizarra de Galicia vén realizando coa EUATAC, nesta ocasión o foco volvía poñerse na formación dos estudantes no uso da pedra natural galega. López Piñeiro, que exerceu a docencia durante moitos anos, admitiu sentirse agradecido pola asistencia maioritaria de alumnos dos últimos cursos da carreira de Arquitectura, que xa “cursaron unha materia de construción en terceiro, na que se tratan estes temas”, impartida mesmo polo propio relator. Isto contribuíu a “elevar o nivel” da propia charla.