EconomíaEconomíaÚltima hora

O sector ourensán da construción reivindica modificacións na revisión de prezos de obra pública e introducir no cálculo outros materiais

Santiago Ferreiro acaba de ser reelixido presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Ourense (ACO)

Santiago Ferreiro, presidente de ACO./ Cedida.

 

Santiago Ferreiro vén de ser reelixido para continuar á fronte  Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Ourense (ACO). A recente asemblea electoral designou por aclamación a candidatura do empresario ourensán para levar a cabo o seu segundo mandato. Deste xeito, Santiago Ferreiro continúa á fronte dos construtores durante catro anos máis, tempo no que considera que “é vital seguir contando coas achegas e suxerencias de todos os membros para establecer as liñas de actuación e directrices como colectivo”, segundo apuntou Ferreiro na súa intervención tras a asemblea.

Esta asociación, que aglutina na actualidade a máis dun centenar de empresas de construción da provincia, quere seguir reclamando e reivindicando o escenario adecuado para desenvolver o seu traballo nas mellores condicións posibles e, con iso, revitalizar non só o sector senón tamén a economía asociada a esta actividade en toda a provincia. Para iso, Ferreiro animou aos asistentes para manter e mesmo aumentar o peso específico que ten a entidade e o colectivo como axente económico, o que lles outorgará maior forza nas súas reivindicacións.

Entre os asuntos que afectan o sector na actualidade, o presidente de ACO fixo un exhaustivo repaso na súa intervención destacando que, á chegada de problemas máis recentes derivados da pandemia e a inflación, hai que sumarlle outros que, tras anos de espera, seguen sen solución, como é o PXOM da cidade de Ourense. Doutra banda, fixo referencia tamén á falta de profesionais para cubrir vacantes en postos tradicionais desta actividade, e aludiu a que os Fondos Next Generation poderían verse afectados por esta e outras circunstancias como a alza de prezos dos materiais, pois 7 de cada 10 euros destas axudas estarán directa ou indirectamente vinculados coa construción.

Outra reivindicación na intervención de Ferreiro foi a axilización na concesión de permisos e licenzas mediante a dixitalización do servizo. En canto á alza de prezos e a súa revisión en obra pública, o presidente de ACO reclamou que se revise a porcentaxe de obras afectadas, o período de datas de execución e que se introduza no cálculo máis materiais, ademais da enerxía.

Artigos relacionados

Back to top button