
O Servizo Galego de Saúde dispensou un total de 66 tratamentos aos usuarios dos centros sanitarios galegos, no primeiro mes de prescrición dos antivirais contra o Covid-19, ‘Paxlovid’ e ‘Evusheld’.
Por áreas sanitarias, desde que no pasado 28 de marzo Galicia recibise a primeira remesa destes medicamentos, a área sanitaria da Coruña e Cee dispensou 6 tratamentos; a área sanitaria de Vigo 12; a área de Santiago e A Barbanza 8; a área de Ferrol 6; a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos 22; a área de Pontevedra e o Salnés 5; e a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras un total de 7 tratamentos.
Ambos fármacos engadíronse hai un mes ás vacinas e a outros medicamentos para evitar que pacientes positivos cuns determinados condicionantes poidan evolucionar cara un estado grave da enfermidade e ademais previr as hospitalizacións en pacientes con sintomatoloxía leve.
Paxlovid e Evushel
‘Paxlovid’ é un medicamento que se subministrará baixo prescrición médica e que se administra vía oral. Así, posibilita un tratamento ambulatorio para aqueles pacientes leves que contan con factores de risco para evolucionar cara unha covid-19 grave, ao tempo que permite controlar a progresión da infección.
Pola súa banda, ‘Evushell’ é un fármaco que se administra vía intramuscular con dúas inxeccións é que esta dirixido a persoas adultas inmunodeprimidas. Este fármaco, está indicado como profilaxe pre-exposición, e contribúe a previr a infección e o risco de desenvolver complicacións por mor do coronavirus.