SanidadeÚltima hora

O Sergas implantará en todos os hospitais o Código Sepse

Este programa busca estruturar de forma adecuada, todos os procesos sanitarios dos pacientes con sepse, para realizar un diagnóstico precoz e instaurar o tratamento antibiótico canto antes
O conselleiro de Sanidade, durante a súa visita a Ourense o 11 de maio.

O Servizo Galego de Saúde ten previsto implantar, no segundo semestre deste ano, en todos os seus hospitais, o Programa Código Sepse. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, na inauguración da XXXI Reunión anual da Sociedade Galega de Medicina Intensiva e Unidades Coronarias (Sogamiuc), que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel en Ourense o 11 de maio. Destacou a importancia do protocolo Código sepse, que pretende estruturar, de forma adecuada, todos os procesos sanitarios para a atención temperá dos pacientes con sepse, é dicir, realizar un diagnóstico precoz e instaurar o tratamento antibiótico canto antes. A sepse é un conxunto de manifestacións graves en todo o organismo producido por unha infección.

Almuiña sinalaba que en outubro do pasado ano constituíuse o grupo de traballo para a implantación do Programa Código Sepse nos hospitais do Sergas e o departamento sanitario autonómico o está a concluír en todos os centros sanitarios de Galicia. No pasado mes de abril xa rematou o traballo de redacción do programa e deseñouse un curso on-line autoguiado accesible para todos os profesionais do Sergas, que se abriu o pasado 4 de maio, coincidindo co Día Mundial para a Hixiene de Mans.

Segundo o conselleiro, o Sergas ten diferentes liñas de traballo para a mellora da calidade asistencial e a seguridade do paciente relacionadas coa vixilancia, prevención e control da infección nas unidades de coidados críticos. Entre estas medidas citou a estratexia de hixiene de mans, e a implantación dos Programas Bacteriemia Zero, Neumonía Zero e Resistencia Zero.

Para o titular da carteira de Sanidade “todas estas medidas permiten xestionar de forma proactiva os riscos asistenciais así como evitar e minimizar os eventos adversos relacionados coa atención aos pacientes críticos; diminuíndo a morbi-mortalidade das persoas ingresadas nas unidades de coidados críticos e reducindo a súa estadía nelas”.

Tamén o 11 de maio o titular da carteira sanitaria do Executivo galego tamén interveu, no Auditorio de Ourense, no acto inaugural do XXVII Congreso da Sociedade Galega de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, no que destacou que a actividade dos servizos de traumatoloxía, aumentou nos últimos anos case un 12% no que a intervencións cirúrxicas se refire, chegando a representar o 7% das intervencións que se realizan no Sergas. Destacou que desas intervencións, o número das que se fan de xeito ambulatorio incrementouse un 28% nos últimos seis anos, e no pasado ano representaron xa un 25% das realizadas.

Artigos relacionados

Back to top button