SanidadeÚltima hora

O Sergas retira mascarillas enviadas polo Ministerio de Sanidad que “non cumpren os criterios esixidos para a protección”

A Consellería de Sanidade asegura que se procederá "con inmediatez a substituir todas as mascarillas que se retiran" e que "realizará as probas diagnósticas necesarias para garantir a protección e seguridade dos seus profesionais"

 

O Sergas ordenaba “onte mesmo a paralización da distribución das mascarillas do fabricante Garry Galaxy que foran destinadas polo Ministerio de Sanidade a Galicia e non cumpren coas esixencias que determina o Instituto de Seguridad e Higiene en el Trabajo”, tal como vén de sinalar a través dunha nota de prensa a Consellería de Sanidade. Este material foi distribuído no ámbito sanitario da comunidade.

O Ministerio de Sanidad ordenaba ás comunidades retirar estas mascarillas despois de que un informe do Ministerio de Traballo e Economía Social alertase de que non cumpren coa normativa europea. Trátase de mascarillas autofiltrantes, pregadas, con pinza nasal e cun arnés consistente en cintas elásticas que pasan por detrás das orellas.

Traballo emitía un informe cos resultados dunha análise solicitada polo Hospital Universitari Parc Taulí de Barcelona, no que se conclúe que estas mascarillas “non cumpren con los requisitos indicados na norma europea ao respecto recollida pola Asociación Española de Normalización, UNE-EN- 149:2001+A1:2010”.

A Consellería de Sanidade indica que “en canto se tivo comunicación, por parte do Ministerio, da alerta sanitaria que detectou deficiencias nas mascarillas enviadas a Galicia paralizouse a súa distribución e trasladouselle a tódalas xerencias a instrucción para que se procedera tamén á retirada das que foran distribuídas”.

En total, inmobilizáronse un total de 36.883 mascarillas na plataforma de distribución de Negreira e outras 45.408 que foron retiradas polas xerencias das áreas sanitarias.

O Sergas di que procederá “con inmediatez a substituir todas as mascarillas que se retiran e realizará as probas diagnósticas necesarias para garantir a protección e seguridade dos seus profesionais”.

Por outra banda, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, remitíulle ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, unha carta na que solicita que se lle remita información axustada sobre os lotes afectados e o tipo de deficiencias detectadas.

 

Artigos relacionados

Back to top button