EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O SilFest, unha maridaxe perfecta entre viños de Valdeorras e música

Malia que o reclamo principal do festival son os concertos, o apartado enogastrómico, do que se encargan a sumiller Mercedes González e a enóloga Cecilia Fernández, é outro dos principais referentes do programa

Foto: Aigiboga.

 

O seu atractivo principal é a música. Pero xa dende as súas primeiras edicións o SilFest mima de xeito especial a cultura vitivinícola co foco posto nos viños da Denominación de Orixe Valdeorras. Conxuga á beira do Sil, na praia fluvial do Barco, as actuacións coa enogastronomía a través de múltiples e atractivas actividades, pensadas para os adultos, pero tamén para os máis pequenos.

Comezaban alá polo 2016 con algunha cata, pero foi no cambio de rumbo que experimentaba o festival alá polo 2018 cando a parte enolóxica cobraba un claro protagonismo da man da sumiller Mercedes González. “Jorge Álvarez (un dos directores do evento) explicoume o concepto de festival que querían, coa idea de darlle moitísima relevancia ao mundo do viño de Valdeorras, facendo unha aposta grande. E, nese senso, o primeiro que pediron foi un cursiño de formación nesta materia para os camareiros do festival. Impartino na sede do CRDO Valdeorras e o certo é que agora dá gusto comprobar en cada edición o ben que manexan as botellas e como as abren”, destaca esta experta.

Por outra banda, está o lugar que o viño ocupa no programa, con catas moi singulares e orixinais  nas que “intentamos ir innovando en cada edición, coa idea de que a xente se divirta, participe e se quede cun concepto do viño moi entretido para que, despois, cando se traslade a zona do bar do festival, compre a súa botella de viño e que a desfrute a pé de río”, continúa Mercedes González.

 

Mercedes Fernández, nunha das catas do anterior SilFest./ Foto: Aigiboga.

 

Como aconteceu co resto do festival, tamén a súa faceta enolóxica ten ido evolucionado edición tras edición. A primeira cata impartíase diante da zona de bar de viños e dela saíu unha colaboración que deu os seus froitos ao seguinte ano entre Mercedes González e unha das participantes, Enma Placer, psicóloga e sexóloga. “Falamos de distintas ideas, entre elas a de facer unha cata erótica, que se celebrou na seguinte edición. Despos foron xurdindo maridaxes entre viño e música e logo foron medrando os vínculos con outros produtos gastronómicos, comezando polos queixos para resaltar, por exemplo, o concepto do viño tostado, tradicional de Valdeorras. Despois coincidiu o feito de que Valdeorras demandaba unhas Letras Galegas para Florencio Delgado Gurriarán, e durante tres anos preparamos actividades relacionadas con isto”, explica a sumiller.

E no decurso dese proceso, no 2019 incorporábase ao proxecto a enóloga valdeorresa Cecilia Fernández, que xa coñecía ben o festival como usuaria. “É bastante curioso o papel que tivo dende o inicio o viño no SilFest, sempre contaron con viños da D.O. Valdeorras e realmente esta é unha cuestión moi importante que os caracterizou, facendo unha aposta moi interesante por un dos principais sectores produtivos de Valdeorras. De feito, hoxe moitos outros festivais están comezando a vincularse co viño. E no caso do SilFest foise máis aló, tamén se creou un espazo enogastronómico, que acompaña á música”, comenta.

As catas

Na súa oitava edición o SilFest inclúe 5 catas, entre as que hai tamén algunha para nenos. Nunha delas, contarase coa regueifeira Lupe Blanco, que fará un percorrido dende o Porto da Barca ata a zona do festival. Outra das propostas será “Ti de quen vés sendo?”, coa que se retará aos asistente, que terán que levar antifaz cubríndolles os ollos, a identificar o viño que están catando. Ademais, “potenciaremos o concepto do aperitivo, que se puxo de moda asociado ao vermú, cunha cata de viños adecuados para ese momento do día e acompañaranse con produtos da Tenda da Rita”, adianta Mercedes González.

 

Cecilia Fernández impartindo unha cata infantil na pasada edición do SilFest./ Foto cedida.

 

Do mesmo xeito, tamén as catas que dirixirá Cecilia Fernández, non serán ao uso. “Cada ano intentamos darlle un toque diferente para que a xente se anime, dámoslle unha volta. Si é certo que o primeiro ano no que participei impartín unha cata máis formal, pero na seguinte edición xa preparei unha serie de maridaxes cos grupos que participaban, por exemplo un máis actual cun viño máis fresco e natural, unha banda con solera e tradición cun viño de crianza… Era tamén unha especie de concurso, no que tomabamos un viño e falabamos del e a que grupo dos que tocaban o podiamos asimilar”.

Nesta ocasión esta enóloga dirixirá dúas catas, unha para os cativos, prevista para a tarde do venres 19 de xullo baixo o nome “Scataroom”, “facendo un pouco o símil entre cata o scaperoom. É para achegar os nenos aos aromas e sabores do viño, loxicamente, sen viño. Será similar ao do pasado ano pero incorporando unha serie de probas para que vaian descubrindo eses sabores e olores en diferentes estancias”, comenta. E, xa para os adultos, organizará unha cata na tarde do sábado maridada con produtos da Tenda da Rita. “Será ás 16h. e imos darlle un puntiño fresco e atractivo para esas horas, entón, ademais de viños haberá algunha cervexa, algún licor e algunha que outra sorpresa”, asegura.

 

Foto: Aigiboga.

 

Un esforzo por achegar o mundo do viño

Estas dúas profesionais do mundo do viño resaltan a forte aposta do SilFest por este sector. “Penso que é algo do que a xente non é realmente consciente, e quizais debería ser máis apoiado ese esforzo”, apunta Mercedes González.

“Evidentemente é un festival de música”, prosegue esta sumiller, “pero que nos quere abrir un pouco a mente e non crear compartimentos estanco. Por iso, ademais desa parte de diversión e relax que ofrece o entorno da beira do Sil, hai que ter en conta é que habitualmente a cervexa vai implícita aos festivais e á xente nova. Por iso eu case colocaría, despois da música, o peso que ten a parte enolóxica e o esforzo que se está a facer no plano cultural de achegar dunha maneira máis pracenteira o mundo do viño, pero sen esquecer que ao final falamos de catas formativas. Ao final, o que nos quere dar o SilFest son pequenas pílulas facilmente dixeribles”. Neste senso, bota en falta unha maior presenza valdeorresa, en especial, do sector do viño durante o festival.

 

Foto: Aigiboga.

 

Pola súa banda, Cecilia Fernández amósase encantada de colaborar co festival “porque creo que todos os que participamos nas actividades, facémolo encantados e contentos de apoialo porque a organización fai un esforzo moi grande para poder levalo adiante”.

 

Mercedes González e Emma Placer, durante unha das catas./ Foto: Aigiboga.
Back to top button