CulturaCulturaEn portadaMúsicaÚltima hora

O SilFest Valdeorras 2023 desvela o seu programa

Imaxe dunha edición anterior do SilFest.

 

Conta atrás para a sétima edición do festival multicultural SilFest Valdeorras que se celebra os días 14 e 15 de xullo no Barco de Valdeorras. A praia fluvial do Paseo do Malecón, á beira do Camiño de Inverno, converterase no escenario deste evento que aúna música en directo, catas de viño da Denominación de Orixe Valdeorras e gastronomía, e unha infinidade de actividades na natureza e de lecer para os pequenos da casa no Mini SilFest.

Con todo e como preámbulo aos días grandes do festival, venres e sábado, o SilFest Valdeorras sae do seu recinto habitual para percorrer diferentes zonas de lecer da vila con actividades gratuítas para os/as veciños/as da comarca; así como para os nosos seguidores máis fieis que chegan a Valdeorras desde distintos puntos do mapa.

 

 

O mércores, 12 de xullo, arrinca o SilFest Valdeorras cunha sesión de Dani Argü DJ, no Paseo do Malecón, nos locais A Fábrica e O Muro do Malecón, ás 20:30 horas; á que se suma a proxección da película “Coda” na Praza Maior ás 22:30 horas. As actividades gratuítas continuarán o xoves, 13 de xullo, cun Taller itinerante de ecopoesía e un Recital poético, a partir das 20:00 horas; e o concerto de Capital Voskov na Praza Maior, no local Veira Sil.

 

 

O venres, 14 de xullo, celebrarase unha sesión vermú co concerto de Adrian Timms no Paseo do Malecón, no local 13/14. E de volta a beiras do río Sil, o SilFest Valdeorras abrirá as súas portas ás 18:00 horas da tarde para todos/as aqueles/as que adquirisen a súa entrada.

Ao longo da tarde do venres e durante todo o sábado, 15 de xullo, sucederanse ata trece concertos de música, con bandas como Ángel Stanich, Joe Crepúsculo, Niña Polaca ou Fillas de Cassandra. Paralelamente á música en directo, o festival oferta tres catas con viños da Denominación de Orixe Valdeorras: Cata A Tenda da Rita, Cata Praceres Culpables e Cata O Viño e o Pracer; grazas á colaboración co Consello Regulador da D.O. Valdeorras.

 

 

Ademais o SilFest Valdeorras conta co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrella que impulsa os encontros en torno ao directo. En concreto haberá un showcooking do Restaurante Glabistró de Ourense, que compartirá co público algunhas das claves e segredos da súa cociña. A chef Bianca Coura preparará e explicará ante o público distintas elaboracións que terán como base o produto local e de tempada e, ademais, ofrecerá aos asistentes a posibilidade de degustar algunhas das tapas preparadas.

O SilFest Valdeorras esta respaldado polo Concello do Barco, a Xunta de Galicia e Turismo de Galicia, a Deputación de Ourense, o Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música, Inaem; o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Vibra Mahou e Gadis; ademais dun gran número de empresas e comercios, así como establecementos de hostalería da zona, que quixeron colaborar co evento. Venda de entradas anticipadas en www.silfestvaldeorras.com e en Ton e Son (Eulogio Fernández, 31) e A Tenda da Rita (San Mauro, 26); ou en despacho de billetes o propio día do festival.

 

Artigos relacionados

Back to top button