SanidadeÚltima hora

O sindicato Satse di que “falta persoal de enfermería para trasladar pacientes do HPV”

Dende a Área Sanitaria ourensán asegúrase que este centro "conta cun equipo de seis enfermeiras, nun réxime mixto de dispoñibilidade presencial e localizada, exclusivamente para acompañar a un paciente nun traslado cando o seu estado así o requira"

Exterior do Hospital Público de Valdeorras.

 

O Sindicato de Enfermería Satse emitía neste xoves un comunicado indicando que no Hospital Público de Valdeorras “non se dispón do persoal necesario cando se trata do traslado dun paciente crítico, mobilizando ao persoal de enfermería que está traballando no hospital sen orde por escrito”.

E como exemplo, o sindicato cita varias situacións recentes, unha delas producíase o pasado 1 de novembro, cando “xurdiu un traslado en UVI a Ourense dun paciente crítico e o servizo quedou descuberto porque faltaba o persoal de enfermería. A única enfermeira de traslados, que estaba de garda localizada 24 h, atopábase realizando outro servizo urxente. A persoa responsable de xestionar o proceso, a supervisora de garda, tivo que mobilizar a persoal dunha planta de hospitalización obrigándoa a realizar o traslado en UVI, sen ter en conta se contaba con experiencia previa en UVI, atención a pacientes críticos nin a súa situación persoal de saúde, recibindo unicamente a orde por teléfono, xa que non compareceu”.

Dende Satse piden que se cumpra “a normativa vixente sobre a protección da saúde dos traballadores, advertindo de que tomaremos as medidas oportunas en materia destes graves incumprimentos” e indican que co “ocorrido estes días ponse de manifesto que o sistema de traslados non funciona e non se cobren as necesidades da comarca. Necesidades que van en aumento debido á falta de especialistas e servizos e co consecuente aumento do número de traslado necesarios, tendo que recorrer á improvisación para cubrir o servizo de forma urxente, co consecuente risco para as partes implicadas”.

Pola súa banda, dende a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco en resposta ao comunicado de Satse, indícase que o “Hospital Público de Valdeorras conta cun equipo de seis enfermeiras, nun réxime mixto de dispoñibilidade presencial e localizada, exclusivamente para acompañar a un paciente nun traslado cando o seu estado así o requira”. Ademais engaden que, “de feito, este mesmo ano procedeuse a ampliación do cadro de persoal enfermería, con dúas profesionais mais, especificamente para realizar esta función”.

 

Artigos relacionados

Back to top button