EconomíaEconomíaÚltima hora

O SLG pide unha reunión con Medio Rural e “medidas de análise e control que aclaren cal é a situación real de prevalenza da tuberculose” en Galicia

Así o sinalaba tras a concentración deste mediodía xunto á granxa de Palleirós (Manzaneda) afectada por un baleirado sanitario

 

A calquera granxa galega lle pode pasar unha situación semellante á de Palleirós (Manzaneda) e en calquera momento, aínda que se cumpran tódalas medidas hixienico-sanitarias “e diso é consciente a Consellería do Medio Rural”, indican dende o Sindicato Labrego Galego, asegurando ademais “que están aparecendo positivas en tuberculose en diferentes granxas e os estudos científicos indican que está presente nos reservorios silvestres das poboacións de xabarín e corzo, entre outros”.

Neste senso, dende esta organización sindical consideran urxente “manter unha xuntanza ca Consellaría do Medio Rural, solicitada a pasada semana mais non atendida até o momento. Así como a inmediata abordaxe de cuestións fundamentais en materia de saneamento animal, como a revisión da pervalencia 0 de tuberculose na Galiza, a realización de probas de diagnose que aclaren a verdadeira incidencia da enfermidade e a reactivación dos controis anuais de saneamento -de eficacia demostrada ao longo destes anos- en detrimento de medidas puramente efectistas como sacrificar ducias de vacas sás e provocar abortos pola detección de casos na granxa”.

 

 

Así mesmo, dende o Sindicato Labrego Galego explican que “as vacas marcadas hoxe na granxa de Palleirós (Manzaneda) non cumpren os requisitos institucionais para seguir o seu ciclo produtivo na granxa, mais si para ser incorporadas á cadea de alimentación humana como calquera outro animal san. A única diferenza vai ser o prezo percibido polos gandeiros, xa que os intermediarios aprovéitanse da obrigatoriedade de sacrificar para ofrecer prezos máis baixos que os existentes a día de hoxe no mercado”.

Finalmente esta entidade sindical pídelle á consellería que “deixe de agocharse con este caso” e ínstana que active “medidas de análise e control que aclaren cal é a situación real de prevalenza desta enfermidade no noso territorio”. Ademais anuncian unha nova acción reivindicativa na vindeira semana na cidade de Ourense.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button