ConcellosEleccións municipais 2023O BarcoÚltima horaVídeos

O socialista Alfredo García enceta a súa sétima lexislatura como alcalde do Barco “coa mesma emoción que a primeira vez”

 

Nunha sesión que principiaba ás 12h. deste sábado 17 de xuño constituíase a nova Corporación municipal do Barco para a lexislatura 2023/2027. Comezaba coa preceptiva formación da mesa de idade, formada por o socialista Orlando Saavedra, o concelleiro de máis idade, e por Maite Estévez (PP), a máis xove. Despois disto, xuraban ou prometían os seus cargos un total de 19 concelleiros: 9 socialistas, 5 do PP e 3 do BNG.

Os socialistas prometían os seus cargos, os concelleiros do PP xurábanos, mentres que os do BNG prometíanos “por imperativo legal” e comprometéndose a “defender os dereitos e intereses da veciñanza do Barco e do pobo galego”. Despois dábase paso ao proceso de elección de rexedor, sendo o único candidato que se optaba á alcaldía na sesión era o socialista Alfredo García, que recibía o apoio dos 9 edís socialistas, votando en contra os 3 do BNG e absténdose os 5 do PP.

 

 

Tras a votación,  o máis votado, dun total de 9 votos era o candidato socialista, que era proclamado alcalde, iniciando así a súa sétima lexislatura consecutiva, tras acceder por vez primeira á alcaldía barquense en 1999, a fronte do goberno municipal.

 

 

Un mandato que inicia, segundo dicía, “coa mesma emoción e idéntica responsabilidade que tiña a primeira vez”. Ademais agradecía o apoio veciñal que lle permitía lograr unha nova maioría absoluta nas eleccións do 28M, así como aos seus compañeiros do partido socialista e á súa familia. Tamén tiña palabras para os concelleiros que formaban parte da Corporación local en anteriores lexislaturas e para os que agora integran a que vén de constituírse “que foron elixidos polos veciños para traballar polo noso pobo e conseguir un mellor futuro para todos eles. Independentemente da candidatura da que formásemos parte, iso é o que nos ordenaron os votantes”.

 

 

Alfredo García sinalaba que a súa “intención é que o do Barco siga sendo un concello no que se aposta firmemente pola igualdade, a integración, o benestar social, a educación e a cultura. Creo que nesta aposta deben tomar parte tanto os concelleiros do grupo de goberno como os da oposición, ou polo menos iso é o que eu espero para este mandato”.

 

 

O alcalde barquense saudaba aos edís que se incorporan a esta nova Corporación e manifestaba cales serán as súas prioridades neste novo mandato. “Entre os grandes temas que creo que será necesario afrontar no mandato que agora empeza, está o do mantemento dos servizos públicos de calidade, que considero imprescindible”. En segundo lugar, referíase a que seguirá “apostando por un turismo respectuoso co territorio, impulsor do desenvolvemento local, que só pode conseguirse establecendo estratexias de colaboración con outros municipios e institucións”. E outro dos seus obxectivos será “é conseguir a segunda gran transformación do Barco, con especial atención ao medio rural e a consecución de novas infraestruturas que contribúan a conseguir unha cidade amable e na que as persoas sexan o máis importante”.

Remataba asegurando que se compromete a “traballar como o primeiro día do primeiro mandato, e fareino como o fixen sempre: preto das persoas, escoitando os seus problemas e buscando todas as solucións que estean na miña man”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button