CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O subdelegado do Goberno aborda co alumnado do Mestre Vide de Ourense a “importancia da loita contra a violencia de xénero”

 

Na mañá deste xoves 3 de abril, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e a xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller, Alida Iglesias, presentaban no CEIP Mestre Vide o libro Vivas para contarlo, unha iniciativa que xurdiu da Comisión de seguimento das vítimas de violencia de xénero, que mensualmente se reúne na Subdelegación do Goberno en Ourense, e cuxa edición correu a cargo desta última.

A publicación está composta por 13 microrrelatos de vítimas de violencia de xénero e sexual, e 10 testemuños de persoas que comparten a súa vida profesional con vítimas de violencia de xénero.

A presentación tivo lugar no marco dunha charla formativa dentro do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas, que está a levar por todas as aulas e a achegar a todos os rapaces e rapazas da provincia sesións a cargo de axentes da Garda Civil e da Policía Nacional para contribuír á prevención de condutas delitivas, co fin de evitar comportamentos violentos, consumo de drogas, acoso, ciberacoso, violencia de xénero, entre outros.

Para contribuír a este labor de concienciación, o alumnado presente visualizou un vídeo con fragmentos da publicación, pedíndolles ao remate que analizasen as posibles condutas machistas que detectasen na proxección. Ademais, tamén tivo lugar un coloquio sobre a violencia de xénero para resolver dúbidas, eliminar mitos e fomentar o diálogo e a reflexión sobre este importante tema.

Durante a súa intervención, o subdelegado salientoulle aos máis pequenos a importancia de ter unha vida baseada no respecto e libre de violencia. Ao remate, Santos destacou moi positivamente a implicación do alumnado que, a pesar da curta idade, se mostrou moi interesado polo tema tratado. “A educación é a chave para lograr un futuro sen violencia contra as mulleres”, concluíu.

 

Artigos relacionados

Back to top button